Por Galicia Confidencial | Ferrol | 28/09/2016 | Actualizada ás 14:00
Os problemas non fan máis que acumularselle ao líder do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. Despois dos malos resultados nas eleccións do pasado domingo e das fortes críticas internas recibidas polo sector crítico, ten agora que facer fronte a unha nova crise do seu partido en Ferrol.
A decisión da presidenta da Executiva local do PSOE en Ferrol, Beatriz Sestayo, de saír do goberno municipal, acaba de dividir ao grupo municipal. Dúas das edís, Rosa Méndez e María Fernández Lemos, decidiron non acatar a decisión e mantéñense, polo momento, no Goberno municipal con todas as súas competencias.
De feito, a concelleira de Zona Rural e Patrimonio Histórico de Ferrol, Rosa Méndez, anunciou que non acatará a decisión adoptada por Sestayo, por ser "parte do problema" e solicitou xa a arbitraxe dos órganos superiores do partido para que se posicionen con respecto á decisión da executiva local de abandonar o goberno da cidade.
"Entendo que ten que ser o Partido Socialista, en órganos superiores, o que se posicione con respecto ao que está a suceder,", dixo ao considerar "moi grave" o acontecido e alertar de que "pode afectar á cidade" e aos proxectos que xa están en marcha. "Non pode quedar en mans de tres persoas, as tres persoas do meu grupo que están a favor da ruptura, algo tan serio", indicou.
É por iso que volveu expresar o seu desexo de que outras instancias do partido analicen o caso e "escoiten a todas as partes", pois, insistiu, ela quere dar a súa "versión de todo". A partir de aí, asegurou que acatará o que indique o partido e, así, non se pasará ao grupo mixto para seguir no goberno local.
Sestayo di que ten o visto e prace da dirección galega
Pola súa banda, Sestayo insistiu en que os membros do grupo municipal "están sometidos ás decisións do órgano directivo de Ferrol, como non pode ser doutra forma".
Ademais, suliñou que mantivo xa algúns contactos con "outros órganos do partido", sen especificar cales, que lle manifestaron, dixo, o seu apoio "sen excepción, como non podía ser doutra forma, ante o que consideran unha decisión unilateral e francamente irresponsable por parte do alcalde de Ferrol".
Tamén manifestou que estima que as dúas concelleiras críticas coas súas decisións "manteranse dentro do grupo socialista e acatarán as resolucións, por ética, por compromiso coa cidadanía".
Polo momento, o único órgano que apoiou a súa decisión, ademais da Executiva local, foi a coordinadora comarcal do PSOE en Ferrolterra.
Barcón pide analizar a relación coas mareas
Con todo, a crise de Ferrol xa se está convertendo en caldo de cultivo para novos problemas na dirección do PSdeG. Así, a secretaria local do PSOE da Coruña, Mar Barcón, xa instou a dirección do PSdeG a "convocar" aos grupos municipais socialistas das tres cidades da provincia "para repensar a relación con Marea Atlántica, Ferrol en Común e Compostela Aberta".
Barcón censurou que, tras a decisión do PSOE de abandonar o goberno de Ferrol, o alcalde manteña no seu posto ás dúas concelleiras socialistas contrarias á xestión de Sestayo e advertiu de que pode constituír "transfuguismo".
Por iso, pediulle á dirección do seu partido que "convoque unha reunión cos representantes dos grupos municipais das tres cidades da provincia coruñesa co fin de repensar cal debe ser a relación con Marea Atlántica e o resto de organizacións políticas vinculadas ás mareas".
Polo momento, nin desde o PSOE galego, nin desde a dirección provincial se teñen posicionado sobre un problema que entende que é "principalmente local". Con todo, e segundo fontes consultadas, analizarán esta situación nos vindeiros días sen descartar a posibilidade de abrir expedientes informativos aos implicados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.