Un polo de innovación dixital para o sector agroalimentario galego

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) impulsan a súa creación.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 30/09/2016 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) impulsan a creación dun polo de innovación dixital (Digital Innovation Hub, na terminoloxía da Comisión Europea) para o sector agroalimentario, unha iniciativa lave para favorecer a futura sustentabilidade do sector en Galicia.

O Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) impulsan a creación dun polo de innovación dixital para o sector agroalimentario.
O Campus Terra da USC e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) impulsan a creación dun polo de innovación dixital para o sector agroalimentario.

Este polo de innovación dixital permitirá a confluencia, pola banda da demanda, dun sector produtivo e transformador aberto á incorporación de tecnoloxías e servizos innovadores adaptados á súa realidade e, pola banda da oferta, a conxunción de provedores tecnolóxicos e de servizos, así como dos centros de coñecemento e innovación xeradores de solucións e melloras demandadas polo sector.

Os obxectivos desta iniciativa conxunta do Campus Terra da USC e Gradiant pasan por establecer unha dinámica proveitosa de colaboración aberta e áxil en aras a acadar unha maior competitividade para o sector agroalimentario, ampliar as oportunidades de negocio e o potencial exportador para os provedores tecnolóxicos, ademais de xerar novas posibilidades de capitalización do coñecemento existente nos centros de investigación e innovación galegos.

A posta en marcha dun polo de innovación dixital para o sector agroalimentario recoñece o importante peso que teñen os sectores da produción agraria, gandeira e de transformación de alimentos no conxunto da economía, do territorio e da sociedade galegas. Asemade, esta iniciativa, a través da que Campus Terra da USC e Gradiant pretenden aliñar esforzos e optimizar as ferramentas dispoñibles, tamén contempla dúas das prioridades xa recollidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, tal e como o son a modernización dos sectores primarios e o impulso das TIC como sector tractor da economía e do coñecemento.

PRESENTACIÓN

A presentación deste polo de innovación dixital para o sector agroalimentario desenvolverase o xoves 6 de outubro no marco dunha xornada que se celebrará na Casa do Saber do  Campus Terra da USC.

Esta sesión, na que estarán presentes tanto representantes da Administración como de todas aquelas entidades ou empresas interesadas na conformación dun ecosistema innovador en Galicia, permitirá coñecer algunhas estratexias e boas prácticas xa activas no eido da innovación dixital no sector agraoalimentario, ao tempo que servirá para dar a coñecer os obxectivos deste polo de innovación dixital e, entre outros cometidos, avanzar no deseño da estrutura da súa gobernanza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta