Un libro no centenario de Ángeles Alvariño, a primeira científica galega de relevancia mundial

O Instituto Español de Oceanografía publica unha biografía gratuíta da que foi a primeira científica española con sona internacional, escrita por Alberto González-Garcés, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, cando se cumpren cen anos do seu nacemento.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 04/10/2016 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

Con motivo do centenario do nacemento da investigadora galega Ángeles Alvariño, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) publica unha biografía desta oceanógrafa, que foi a primeira científica galega e de España de relevancia mundial. A libro, titulado 'Ángeles Alvariño González, investigadora mariña de relevancia mundial', é obra do investigador do Centro Oceanográfico de Vigo Alberto González-Garcés.

A científica galega Ángeles Alvariño
A científica galega Ángeles Alvariño | Fonte: IEO.

Ángeles Alvariño González (Serantes, Ferrol, 1916 -  La Jolla, California, 2005) foi unha prestixiosa investigadora mariña, pertencente á segunda xeración de oceanógrafas españolas, á que o IEO dedicou un dos seus modernos buques oceanográficos en 2012.

A súa carreira científica comezou no IEO (1948 -1957) e desenvolveuse no Reino Unido e nos Estados Unidos, fundamentalmente na Scripps Institution of Oceanography (1958 - 1969) e no Southwest Fisheries Research Center (1970 - 1987), ambos na Jolla. Despois da súa xubilación, en 1987, continuou traballando e publicando como investigadora emérita.

Publicou máis de 100 traballos científicos de primeiro nivel en revistas e libros de distribución internacional. As súas investigacións máis relevantes centráronse no estudo dos quetognatos, animais mariños planctónicos, que Ángeles Alvariño demostrou que poderían empregarse como indicadores fiables de condicións oceanográficas determinadas.

Foi, polo tanto, unha pioneira na análise de indicadores biolóxicos dos ecosistemas mariños. Ademais, ao longo das súas investigacións descubriu e describiu 22 novas especies planctónicas mariñas (12 quetognatos, 9 sifonóforos e 1 medusa).

Coa publicación desta biografía, coincidindo co centenario do seu nacemento, o IEO quere contribuír a manter vivo o recordo da primeira científica española de relevancia mundial, ao ser a única incluída na Encyclopedia of World Scientist (Oakes, 2007).

O libro pode descargarse de forma gratuíta no repositorio do IEO:

http://www.repositorio.ieo.es/e-ieo/handle/10508/10396.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta