Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/10/2016 | Actualizada ás 14:24
Felipe González e Alberto Núñez Feijóo non tiñan moito en común, agás ter sido presidentes, un de Galicia e o outro do Estado. Pero nas últimas semanas, a crise do PSOE e o posicionamento do ex líder socialista cara a un entendemento co PPdeG foron moderando as opinións que, ata entón, del tiña o xefe do Executivo galego. Unha opinión que aínda se fixo máis favorable tras o acontecido este mércores na Universidade de Madrid logo dun boicot dun grupo de estudantes que impediu que González impartira unha conferencia.
E, aínda que Feijóo se solidarizou con el, e mesmo saíu na súa defensa, o certo é que tamén criticou que os boicots aos políticos nas universidades non sexan valorados do mesmo xeito en función das cores políticas. “Non entendo porque algunhas veces uns teñen máis repercusións”, dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves.
Referíase o presidente galego ao que a el lle aconteceu hai dous anos cando un grupo de alumnos se concentrou diante da Facultade de Matemáticas da USC. Alí tiña que inaugurar a XV Conferencia de Directores de Matemáticas. Ao chegar ao acto viu que había un grupo de estudantes concentrados coreando consignas contra el, entre elas “fascista”,e contra as súas políticas, tal e como relatou GC no seu día. Os estudantes permaneceron diante da porta da facultade e o presidente galego agardou no seu coche oficial coa súa escolta. Estivo alí un anaco ata que, finalmente, decidiu non entrar.
“Semella que se es dun partido tes máis posibilidades de falar na universidade que se es doutro, aínda que non quero eu que isto se interprete como unha comparación con Felipe González”, suliñou. Por iso, insistiu en solidarizarse co ex presidente español e dixo que o non deixar que se expresara “é un síntoma de intolerancia máxima”. “Que un presidente democrático non poida falar pola actitude antidemocrática duns poucos é execrable e que haxa quen di que eses plantexamentos son razoables pois acredita cal é a postura desas persoas”, agregou.
“Son os de sempre. Os que non cren na democracia e utlizan a liberdade como lles peta”, suliñou en alusión aos manifestantes. De feito, foi moito máis alá ao vincular a Podemos con esta protesta. “Dá a impresión que a certa organización lle vai ben, novamente, tensionar a rúa e dar medo”, indicou. En todo caso, Feijóo quixo deixar claro que a postura destes estudantes non representa ao conxunto dos universitarios españois. “Os mozos non son como eses”, aclarou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.