Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2016 | Actualizada ás 18:12
O eHealth Joint Knowledge Centre (eJKC), a Unidade Mixta de Investigación formada por Gradiant -o Centro Tecnolóxico TIC de Galicia- e Everis -consultoría tecnolóxica do grupo NTT Data-, coa colaboración da Fundación Ramón Domínguez, presentou este mércores os resultados das súas innovacións tecnolóxicas no ámbito da eSaúde e avanzou os seus obxectivos futuros sobre o desenvolvemento de tecnoloxías que apostan pola medicina especializada e a mellora da calidade de vida dos pacientes.
Esta Unidade Mixta de Investigación conta cun investimento de case tres millóns de euros, segundo destacaron. eJKC é unha iniciativa centrada en poñer a innovación sanitaria ao servizo da calidade e personalización dos tratamentos médicos. "Todo iso grazas a tres innovacións tecnolóxicas: OnCare, OnTime e Saludei", concretaron.
As dúas primeiras son unha mostra do "especial interese" de Gradiant e Everis por "achegar solucións ás necesidades do sector oncolóxico mediante a innovación tecnolóxica", resaltou.
Saludei, un sistema mHealth -baseado en tecnoloxías móbiles- é o exemplo de como coa tecnoloxía, segundo explicaron, "se pode contribuír a mellorar a calidade de vida dos pacientes a través de plans de coidado personalizados".
Na presentación, que tivo lugar na sede de eJKC situada no Hospital Gil Casares de Santiago, o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire, subliñou a aposta por "contribuír co noso coñecemento desenvolvendo tecnoloxías para a eSaúde dándolle á sociedade galega tecnoloxías innovadoras que lles dean resposta ás súas necesidades".
PROPORCIONAR AVANCES
Ademais, o director xeral de Gradiant tamén agradeceu o apoio da Consellería de Economía e á Axencia Galega de Innovación (GAIN) e destacou que o obxectivo da Unidade Mixta "non é outro que proporcionar avances tecnolóxicos ao servizo dos pacientes e do persoal sanitario".
Mentres, a directora da área de eSaúde, e principal responsable da Unidade Mixta eJKC, Helena Fernández, foi a encargada de presentar tres avances tecnolóxicos, como son OnCare, Saludei e OnTime.
Durante a súa intervención, destacou que grazas á Unidade Mixta se crearon 28 empregos "de calidade", e contan cunha inversión superior a dous millóns de euros.
Por parte de Everis, o director xeral en Galicia, Jesús Lage, valorou o traballo conxunto co Centro Tecnolóxico Gradiant e cos especialistas da Xerencia sanitaria de Santiago neste modelo novidoso de colaboración, así como a aplicabilidade das solucións desenvolvidas á mellora da experiencia dos pacientes no seu proceso de saúde.
O encontro foi presentado polo xerente da Xerencia sanitaria de Santiago e presidente da Fundación Ramón Domínguez, Luis Verde, e contou coa participación da directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación, Sonia Pazos; e a directora da Fundación Ramón Domínguez, María Gómez-Reino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.