Por Galicia Confidencial | A Coruña | 21/11/2016 | Actualizada ás 14:39
“A única responsable con nomes e apelidos chámase Pilar Cancela” espetoulle esta mañá Carmela Silva. A presidenta da Deputación de Pontevedra foi un paso máis alé e falou entre liñas dunha eventual dimisión. Así, Silva dixo que “ten que ser ela a que dea un paso atrás” para suprear a “división” nun partido que ve “partido en dous”. “Pídolle á señora Cancela que deixe de facer dano ao PSdeG, que deixe de enredar”, engadiu a persoa que o sector de Caballero ofreceu como relevo ao fronte dunha nova xestora.
Cancela conta co apoio do PSdeG na Coruña
Dará Cancela ese paso atrás que lle esixen dende Vigo e Pontevedra? Semella que non. Co apoio de boa parte do aparato coruñés, a responsábel da xestora parece disposta a negociar a entrada dos críticos vigueses na dirección, pero non pensa dimitir. Así, hoxe en rolda de prensa animou aos que a critican a entrar na xestora e “traballar xuntos”. A súa oferta pasa por compartir responsabilidades para elaborar unha “folla de ruta” que una o partido cara un novo Congreso Galego. Cancela lembrou que as eleccións locais están a pouco máis de dous anos, polo que cómpre unificar o discurso do PSdeG para evitar unha desfeita.
Madrid mira para outro lado, polo de agora
A xestora do PSOE estatal é quen pode, cando menos en teoría, para solventar este rebumbio. Convocando xa o congreso galego, como piden os próximos a Cancela, ou disolvendo a xestora e nomeando unha nova, como quixeran os de Caballero.
Con todo, nada parece indicar que Ferraz -coa súa propia crise aberta- estea disposto a enlamarse na polémica do PSdeG directamente. Cando menos, non até o PSOE teña un novo líder estatal. Cancela admitiu hoxe que pediu unha reunión coa xestora estatal hai semanas. A resposta de Ferraz, polo de agora, é o siliencio.
Nos cálculos da xestora estatal está o peso que os bandos enfrontados no país poden ter a hora de escoller entre Pedro Sánchez, aliado de Cancela e que parece loitará por volver a líder o partido, e o candidato que apadriñe Susana Díaz. Cando haxa vencedor en Madrid é probábel que o PSdeG poida saír desta espiral de enfrontamentos públicos. Salvo, claro está, que Cancela sucumba a presión pontevedresa aliada co cómplice silencio de Ferraz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.