Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2016 | Actualizada ás 09:00
O servizo de tradución Gaio leva traducidas 250 millóns de palabras e procesadas 4,3 millóns de consultas desde setembro de 2015, cando a Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxeron á disposición dos galegos cidadanía esta ferramenta que, ata entón, era de uso de interno da Administración. Desde entón Gaio recibiu preto de 1,5 millóns de visitas que puideron acceder á tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés, catalán etc.
Gaio ofrece aos usuarios unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os Concellos, Consellerías, etc.
A versión pública de Gaio, aberta a toda a cidadanía, benefíciase das melloras realizadas, tanto a nivel lingüístico como técnico, durante os case dous anos que a ferramenta levaba empregándose a nivel interno na Xunta de Galicia.
APLICACIÓN MÓBIL
En xullo deste ano lanzouse a aplicación Gaio, a número 25 das apps da Xunta, e que xa leva 2.400 descargas acumuladas. A app, dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android, traslada aos dispositivos móbiles as funcionalidades de GAIO.
A aplicación móbil Gaio, que conta cunha interface moi sinxela e intuitiva, permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario que descargue Gaio pode gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.