O Festival Agrogay da Ulloa, Premio do Público Culturgal 2016

Gañou por tan só unha diferenza de catro votos á cooperativa Numax de Santiago de Compostela.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/11/2016 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

O Festival Agrogay da Ulloa, que se celebra no mes de agosto en Cumbraos, no concello lugués de Monterroso, resultou gañador do Premio do Público Culturgal 2016, o que lle dá dereito a ter presenza no recinto da feira e recibirá un diploma acreditativo no transcurso dun acto especial que terá lugar o domingo día 4 de decembro ás 18.00 horas, dentro do programa Culturgal. O Agrogay impúxose cun total de 2.153 votos, tan só catro máis que Numax (2.149), unha cooperativa de traballo asociado e sen ánimo de lucro, sita en Compostela, que conta cun cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. O axustado do resultado e a cantidade de votos recibidos amosan a gran popularidade e apoio co que contan ambos os dous proxectos entre os galegos.

Algúns dos organizadores do festival 'Son Agrogay'
Algúns dos organizadores do festival 'Son Agrogay'

O Premio do Público Culturgal 2016 tiña tres candidatos, sendo o portal GCiencia o terceiro, o cal acadou 1.229 votos, case mil menos que o Agrogay e Numax.

En total emitíronse 5.531 votos entre o 3 e o 24 de novembro, repartíndose así por porcentaxes: Festival Agrogay, 38,92%; Numax, 38,85%; GCiencia, 22,22%.

Culturgal Feira Industrias Culturais celebrarase do 2 ao 4 decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

FESTIVAL AGROGAY

“Para entrar tes que saír” e “Entra por onde saíches”. Eses son os lemas que se podían ler na entrada de acceso da segunda e terceira edición, respectivamente, do Festival Agrogay da Ulloa, que se celebra no mes de agosto en Cumbraos, no concello lugués de Monterroso. Dar maior visibilidade e reivindicar a diversidade afectiva, sexual e vital no rural, dinamizar e axitar culturalmente a comarca, así como organizarse para dignificar e recuperar a vida nas aldeas a través do respecto ás tradicións e do impulso de lazos cooperativos son algúns dos obxectivos centrais desta iniciativa, que xa atrae a público de fóra de Galicia.

Presentación do festival Agrogay
Presentación do festival Agrogay | Fonte: EP

O Colectivo Agrogay da Ulloa ten como principal obxectivo visibilizar a diversidade tanto social como natural. Ademáis, aposta por mostrar e defender outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecofeminismo. O festival celébrase nos terreos da Granxa Maruxa, en Cumbraos, cuxo produto estrela son as bolachas de nata e detrás da cal está a urbanita convertida en granxeira, Marta Álvarez Quintero, unha das organizadoras do festival xunto, entre outras, a Braulio Vilariño e o músico Davide Salvado, todas elas dentro da Asociación Agrogays da Ulloa.

O termo “agrogay” propón tamén outro modelo gai fronte ao modelo imperante nas urbes, asociado en moitas ocasións á vida en guetos ou ao consumismo.

Música ao vivo, teatro (na edición 2016 contaron coa compañía Chévere), feira de artesanía, cine ou obradoiros son algunas das actividades que forman parte do programa deste festival autosustentado e sen ánimo de lucro, que non recibe axudas institucionais e no que o público debe abonar unha entrada para financiar os gastos do evento. A organización facilita a mobilidade en autobús entre os diferentes espacios do festival (granxa, Concello e área natural de A Peneda). E aínda que pareza unha obviedade, na organización reseñan que “non fai falla ser gai para vir e gozar do Festival Agrogay, nin tampouco vivir na aldea. Simplemente estar dacordo cos valores que defendemos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Españolistas dades noxo

Non chamarlle Labregay foi unha perda de tempo