Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2016 | Actualizada ás 18:37
A voceiro nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou este sábado o falecemento do expresidente de Cuba e líder da revolución cubana, Fidel Castro: "Falece un referente da revolución cubana, un referente da loita polos dereitos dos pobos, polos dereitos humanos", subliñou.
Tras un acto simbólico para reclamar unha AP-9 libre de peaxes, Ana Pontón fixo fincapé en que Fidel Castro representou unha xeración que "demostrou que un país moi pequeno pode facerlle fronte a un imperio", en alusión aos Estados Unidos.
"Os éxitos da revolución cubana quedan aí, pódense comprobar no propio país", asegurou, para logo remarcar que "se vai un referente para os que consideramos que é posible un mundo máis xusto e igualitario".
Pola súa banda, a CIG tamén reivindicou o legado de Fidel Castro e mostrou o seu pesar polo seu falecemento. Así mesmo, transmitiu todo o seu apoio ao pobo cubano e, singularmente, á Central de Traballadores de Cuba e ao Consulado de Cuba en Galicia.
"A revolución cubana supuxo unha referencia imprescindible para os movementos de liberación nacional e na loita polo socialismo, principios fundacionais do sindicalismo nacionalista galego que representa a CIG, e que hoxe continúan vixentes", defendeu a CIG nun comunicado.
A continuación, o sindicato nacionalista reafirmou o seu "compromiso antiimperialista con Cuba e o seu pobo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.