Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/11/2016 | Actualizada ás 20:30
A Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) presentou este luns as súas liñas de axuda á investigación, entre as que se inclúen un proxecto do profesor Ángel Carracedo sobre o cancro de cabeza e pescozo, que aparece en entre un 8 e un 10 por cento dos diagnósticos desta enfermidade. O profesor Ángel Carracedo (Universidade de Santiago) sinalou que na maioría de casos a resposta ao tratamento é mala e engadiu que "practicamente hai os mesmo métodos que hai 30 anos". O seu proxecto, financiado pola AECC, céntrase nun problema de resistencia ao tratamento que se observa nas células nais tumorais.
A presidenta da Fundación Científica da AECC, Isabel Oriol, reafirmou o compromiso "total" da asociación polo investimento na investigación e destacou a calidade da proposta de Carracedo.
Neste acto, Oriol presentou as liñas de axuda á investigación da asociación. O Programas de Axuda da Fundación Científica AECC xira sobre dous grandes eixes: a axuda ao desenvolvemento de proxectos, e a axuda a persoas —que poden ser tanto estudantes como investigadores—. Entre estes primeiros dedícanse axudas tanto a pequenas ideas coma a proxectos máis grandes, como é o caso do de Carracedo.
Oriol tamén detallou os obxectivos a longo prazo da AECC, que pasan por aumentar o índice de supervivencia en pacientes con cancro ao 75%. En todo caso, destacou o aumento deste, que pasou dun 25% en 1953 a un 60% actualmente.
IMPORTANCIA DA INVESTIGACIÓN
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, destacou o esforzo de "tódolos profesionais sanitarios" e recordou que "o cancro é un dos maiores retos aos que nos podemos enfrontar" na nosa sociedade". Vázquez Almuíña tamén sinalou a importancia da AECC como interlocutora entre a sociedade e a administración.
Os asistentes ao evento recordaron a importancia dos voluntarios e daqueles que colaboraron coa asociación. Carracedo sinalou que "os fondos veñen da sociedade, das bases" e Oriol recordou que o diñeiro se consegue "euro a euro".
Finalmente, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela, Concha Fernández, afirmou que "canto máis invertemos en investigación máis gañamos en vida".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.