Identifican en Galicia unha especie de gabián do sueste africano nunca antes visto na Península

O Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro dá a coñecer o achádego en Veiga (Ourense) dun exemplar desta especie exótica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/12/2016 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro recibiu o pasado 27 de xullo un aviso de que un ave rapaz de pequeno tamaño chocara contra o cristal dunha xanela en Veiga, un pequeno pobo a un quilómetro de Carballiño e do mesmo termo municipal. Ata aí, todo normal. Era un aviso de tantos cando algún un gabián (Accipiter nissus) —pequena ave rapaz propia dos bosques galegos e habitual nos do resto de Europa— sofre un accidente por choque contra algún obstáculo. Porén. desta vez o caso deu lugar a un achádego sorprendente. Os membros de Outeiro non saíron do seu asombro cando se atoparon cun gabián dunha especie nativa do sueste africano, non citado ata o momento, que se saiba, na Península Ibérica e, por descontado, tampouco en Galicia.

Exemplar de gabilán papirrufo (Accipiter rufiventris) capturado en Veiga (Ourense)
Exemplar de gabilán papirrufo (Accipiter rufiventris) capturado en Veiga (Ourense) | Fonte: JuanjoaG.

Tratábase dun macho adulto de gablán papirrufo (Accipiter rufiventris), confirmado despois dunha meticulosa exploración do seu estado físico e de varias horas de observación que permitiron constatar a súa evolución favorables, tralo cal foi posto en liberdade no mesmo lugar.

A cita, avalada por unha detallada reportaxe fotográfica, foi compartida con expertos galegos para que desen a súa opinión, á vez que foi comunicada a Sociedade Galega de Ornitoloxía. Agora, Outeiro fai público este achádego.

Unha vez compartida e comunicada a cita, o Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro vén de anunciar agora que "desde o punto de vista taxonómico non hai dúbida de que era un gabián papirrufo". "O verdadeiramente sorprendente non é só a súa presenza en Galicia, senón na Peninsula Ibérica, mesmo en Europa", salientan.

"Sería unha torpeza atribuír a súa presenza soamente por motivos como a cetrería, o coleccionismo ou calquera outra tenencia doméstica e non profundar en que factores ambientais globais poden estar a influír nesta emigración impropia dalgunhas especies; máis aínda neste caso cando se trata dun ave de costumes moi sedentarias e que pola idade, determinada pola súa policromía, a cor dos ollos e outros aspectos morfolóxicos non hai dúbida de que se trataba dun macho adulto que xa completara as súas fases de coloración", explican.

Dende Outeiro tamén aseguran que "tampouco ofrece dúbida que se trataba dun individuo salvaxe, polo seu comportamento diferente a aquelas aves que están en continuo contacto co home, comportamentos algúns que non chegan a extinguirse cando recuperan a liberdade, aínda que pasasen anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta