Por Galicia Confidencial | Xermadfe | 12/12/2016 | Actualizada ás 10:00
Donald Trump non só é presidente electo de Estados Unidos, tamén é Herodes, o dirixente romano que mandou crucificar a Xesús. Ou, cando menos, deste xeito caricaturizou ao magnate estadonidense un Belén realizado en Xermade, Lugo.
Non hai que cruzar o Atlántico para ver a transformación de Trump. Só se necesita chegar a unha pequena capela do oeste da Terra Chá, a de Santo Antón, en Momán, para comprobar o novo papel do futuro presidente dos EE.UU. Retrocedendo algo máis de 2.000 anos, no belén montado na capela, o rei Herodes fai o papel de Trump e expulsa aos refuxiados, pero ademais unha sinalada personaxe da Unión Europea se axeonlla ante el e pon tamén en marcha esas medidas de expulsión.
As alusións á situación actual son varias. Por exemplo, unha gran torre aparece como edificio do banco de Xerusalén, que custodia as riquezas dos poderosos, en tanto que a escola carece de luz e quedou sen nenos, xa que Herodes recortou os fondos en educación. Outro edificio, modesto pero moi útil, é o da cociña económica, onde acoden agricultores e pastores que están en paro e que carecen de diñeiro para gastos básicos.
"Ningúen sen teito"
Nin sequera o portal se libra de problemas e de mensaxes. Un cartel mostra o slogan "Ninguén sen teito", cunha pancarta que é de Cáritas; e a virxe María e san Xosé refuxiáronse nunha cova, onde a calor dos animais e da leña dos arredores son a única maneira de achar un pouco de abrigo.
Até o rei Baltasar vese en risco, pois pola cor da súa pel está retido na fronteira e non pode continuar o percorrido que si fan os seus compañeiros.
Deste xeito, e un ano máis, o Belén de Momán volve ter un importante fondo de denuncia, e vai facendo repaso aos distintos temas que afectan á nosa sociedade. Tal e como aconteceu os pasados anos, tamén aparece unha familia que é desafiuzada da súa casa, por non poder pagar a auga, a luz e a renda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.