De Lara tramita dilixencias contra Barreiro e Pilar Rojo polos agasallos de Monbús

Un auto da xuíza Pilar de Lara establece a partir dos 400 euros “capacidad para turbar la imparcialidad de los funcionarios y autoridades” nos agasallos de Monbus. Rafael Louzán, entre os novos imputados. Entre os que recibiron estes regalos están altos cargos da Xunta e do Goberno central.

Por Xerardo Porto | Compostela | 11/12/2016 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

“Si el importe del regalo no sobrepasara los 400 euros la acción sería atípica y si sobrepasara dicha cantidad merecerá el reproche penal, al entender que todo regalo que exceda de esta suma, va más allá de los usos sociales y de los valores habituales así como de lo que puede ser considerado como regalo de mera cortesía, con capacidad para turbar la imparcialidad y la probidad de los funcionarios y autoridades”. Só a súa condición de aforados evita que Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, presidente e vicepresidente da Xunta, e José Blanco, eurodiputado e ex ministro de Fomento, esteán xa imputados pola xuíza Pilar de Lara.

Alberto Núñez Feijóo e Pilar Rojo.
Alberto Núñez Feijóo e Pilar Rojo. | Fonte: PD

Non dá abasto a titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo. O informe de Vixilancia Aduaneira sobre os agasallos de Monbus a funcionarios e autoridades recolle máis de 90 nomes de distintas Administracións coas que o empresario lucense mantén contratos millonarios. Tras atender as dúbidas do recurso do Ministerio Fiscal sobre a relevancia penal dos aguinaldos, a xuíza “considera que debe fijarse un límite económico mínimo, entendiendo que por debajo del mismo, la recepción de regalos, aún siendo un hecho sancionable moralmente, no alcanzaría a revestir relevancia penal”. A maxistrada lucense “non atopa criterio máis obxectivo” que aquel que marca nos delitos patrimoniais a diferenza entre os leves e menos leves: 400 euros.

Tras fixar a cuantía nos agasallos de Raúl López que estarían fóra de toda lóxica, a xuíza Pilar de Lara dispón, nun auto de outubro ao que tivo acceso GC, a imputación por un ou varios delitos de suborno de 23 persoas que tiñan cargos chave no momento de recibir os obsequios. Entre elas están Rafael Louzán, en calidade de presidente da Deputación de Pontevedra; Juan Ignacio Lema Devesa, como presidente de Aena; José Luis Cachafeiro, secretario general de Transportes; José Eduardo Laredo Vidal, funcionario de Educación na delegación da Xunta en Pontevedra; José Manuel Rivera Otero, secretario xeral da Xunta (2005-2009); Teófilo Serrano, presidente de Renfe; Amador Robles Tascón, director general de FEVE; e José Ramón Valladares, director xeral de inversións de Sodiga e Inesga.

Ademáis aparecen cargos da Generalitat de Catalunya e un alcalde de Igualda, así como Antonio Román Jasanada, como alcalde de Guadalajara. Sobre as persoas que recibiron agasallos por debaixo dos 400 euros, a xuíza declara o sobresemento, non definitivo como pedía o ministerio fiscal, senón provisional.

Ademáis, no seu auto do 21 de outubro, a xuíza engade o nome de Xosé Sánchez Bugallo, ex-alcalde de Santiago e ex-parlamentario galego, ás dilixencias previas 668/2016. Os populares Xosé Manuel Barreiro, senador dende 2008, e Pilar Rojo, ex–presidenta do Parlamento de Galicia e actual diputada no Congreso, súmanse ás dilixencias abertas a José Blanco (DPA 667/2016) para tramitar o seu envío ao Tribunal Supremo.

Dende a  esquerda, o actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, López, presidente do Monbús Obradoiro e Lete Lasa, SX para o Deporte, nunha imaxe da web da Xunta
Dende a esquerda, o actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, López, presidente do Monbús Obradoiro e Lete Lasa, SX para o Deporte, nunha imaxe da web da Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pilar De Lara xa ten o seu minuto de gloria ! Agora só falta ver que algún dos citados teña algunha responsabilidade PENAL ? Que é polo que COBRA a señora De Lara !!! Claro que a algún pode considerar interesante coñecer os agasallos dun Empresario Megalómano para obter trato de favor nos contratos públicos... A isto en Europa chámanlle lobbys e están tódolos días traballando para roubarnos os cartos públicos e metelos nos seus petos PRIVADOS !!!