Irmandade, eleccións, alburgada, porcoril, populismo e xenofobia, candidatas a Palabra do Ano

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié lanzan un ano máis a campaña do Portal das Palabras para escoller cal é o termo que mellor define o ano que remata.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/12/2016 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

«Irmandade», «eleccións», «alburgada», «porcoril», «populismo» e «xenofobia» son os seis termos finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2016 nunha votación na que pode participar toda a cidadanía dende este xoves e que se manterá aberta ata o 22 de decembro desde esta ligazón.

Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit
Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit | Fonte: Youtube.

A campaña do Portal das Palabras lanzada para escoller cal é o termo que mellor define os doce meses a piques de rematar recibiu na primeira fase case duascentas propostas diferentes achegadas por mil catrocentos usuarios.

O equipo do Portal das Palabras, iniciativa da Real Academia Galega e da Fundación Barrié, escolleu estes seis termos entre todos os recibidos atendendo a tres criterios: cales son os máis populares, cales tiveron unha maior proxección pública ao longo de todo o ano e aqueles destacados ben pola súa carga significativa, ben pola súa construción morfolóxica.

«Irmandade» figura entre as palabras finalistas xusto no ano no que se celebra o centenario das Irmandades da Fala, movemento nado na Coruña en 1916 que desenvolveu un labor esencial para a dignificación da lingua galega. 

«Eleccións» recorda os sucesivos procesos electorais que se celebraron ao longo deste ano, no que tamén se ten falado decote de populismo. 

Unha das xuntazas das Irmandades da Fala
Unha das xuntazas das Irmandades da Fala | Fonte: intergalcome.uvigo.es

«Alburgada» refírese a unha mentira disfrazada de verdade –unha boa proposta de adaptación ao noso idioma do neoloxismo posverdade–.

«Porcoril», termo de recente creación, refírese a un cruzamento entre porco e xabaril.

«Populismo» fai mención a unha práctica política en alza que ten triunfado en países como Estados Unidos, coa vitoria de Donald Trump; no Reino Unido, co triunfo do Brexit; ou en Francia, co auxe da extrema-dereita.

Precisamente vinculada ao populismo foi moi recorrente este ano a palabra «xenofobia», a hostilidade contra o que vén de fóra.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. O traballo conxunto entre ambas as institucións permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, cunha interface máis personalizada e interactiva, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.

En 2014 foi elixida Palabra do Ano «corrupción» e en 2015, «refuxiados».

Alberto Núñez Feijóo, votando nas eleccións galegas de 2016
Alberto Núñez Feijóo, votando nas eleccións galegas de 2016 | Fonte: @FeijooGalicia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta