Por Galicia Confidencial | Madrid | 26/12/2016 | Actualizada ás 14:00
"Tráfico ilícito de drogas e substancias psicotrópicas, participación en organización criminal e lavado de diñeiro negro". Son as tres penas que pesan sobre a narco galega Tania Varela Otero, unha das narcos máis buscadas de Europa. De feito, esta ex maxistrada figura na lista das 70 persoas máis buscadas do vello continente que acaba de facer pública a Interpol.
O seu nome aparece xunto o de asasinos múltiples, atracadores de bancos, traficantes de armas e terroristas e é a única cidadá do Estado, xunto co médico Francisco de Paula Martorell (61 anos) --buscado por violar a súa filla--, que figura nesa lista. Ambos os dous están acusados con sentenza firme pero están fuxidos da Xustiza desde hai anos.
Ante a falta de probas sólidas sobre o seu paradoiro, a Policía Nacional e a Garda Civil decidiron colocalos na lista da Europol. Ningún dos dous se atopa xa en Europa e as forzas de seguridade sitúanos en Iberoamérica.
En Centroamérica
A Policía Nacional cre que Varela ocúltase nestes momentos nun país de Centroamérica tal e como apunta El Confidencial. Ao principio, barallouse a posibilidade de que utilizase como refuxio un país nórdico no que vive un irmán, pero xa se descartou esa liña de traballo. A letrada galega podería estar a recibir a axuda dos mesmos clans cos que colaborou antes de fuxir da Xustiza.
Esta ex avogada de Cambados e ex responsable municipal da Muller deste concello foi detida en 2006 na operación Carballo da Policía Nacional contra o narcotráfico. Naquel entón era noiva entón de David Pérez Lago, fillastro do coñecido narco Laureano Oubiña. Foi detida cando a súa organización tentaba introducir unha lancha con 2.000 quilos de cocaína na praia da Barda, en Corme (A Coruña).
Fuxida desde 2013
Tras a súa detención en 2006, permaneceu dous meses no cárcere da Lama (Pontevedra) e accedeu á liberdade provisional á espera de xuízo. A Audiencia Nacional acordou condenala a sete anos de prisión por tráfico de estupefacientes e integración en organización criminal, pero ela recorreu ante o Tribunal Supremo para tratar de evitar a execución da sentenza. En xaneiro de 2013, o alto tribunal rexeitou as súas alegacións e solicitouse o seu ingreso inmediato no cárcere. Con todo, a súa fuga non se descubriu até varios meses despois, no transcurso doutro xuízo.
En 2008, en plena instrución da operación Carballo, uns sicarios tirotearon no garaxe da súa casa de Madrid ao avogado Alfonso Díaz Moñux. Varela era a súa noiva neses momentos e estaba sentada no asento do copiloto cando o letrado recibiu os impactos de bala que acabaron coa súa vida. Durante o xuízo por ese asasinato, o tribunal acordou a comparecencia de Varela, testemuña directa do crime. Pero nese momento, novembro de 2013, a condenada por narcotráfico xa estaba fóra de España. Desde entón, ninguén sabe onde se atopa, ou cando menos, ninguén dos corpos de seguridade do Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.