A valedora avala eliminar un cartel dun colexio de Panxón co lema “Fala galego, non sexas lelo”

A asociación Galicia Bilingüe asesorou a un pai que denunciou este debuxo, que gañou un concurso para fomentar o uso da lingua galega.

Por E.P. | Nigrán | 10/01/2017 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, Milagros Otero, avalou eliminar uns carteis do CPI Panxón, en Nigrán (Pontevedra), co lema 'Fala galego, non sexas lelo', ante as queixas do pai dunha alumna. A pancarta gañara un concurso, que contaba con fondos da Consellería de Educación, para o fomento da lingua galega.

Cartel sobre o uso do galego que está nun centro de Panxón e do que Galicia Bilingüe pide a súa retirada
Cartel sobre o uso do galego que está nun centro de Panxón e do que Galicia Bilingüe pide a súa retirada

Segundo explicou Galicia Bilingüe este martes nun comunicado, o pai acudiu á valedora por consello da asociación. Previamente, este xa presentara unha queixa ao inspector xefe de Educación de Pontevedra, Manuel Torres Vizcaya, pero non obtivera resposta, segundo engadiu.

Finalmente, tras dous requirimentos por parte de Milagros Otero, tanto o pai como ela recibiron un escrito por parte do inspector xefe no que se avala a presenza destes carteis no centro.

O texto de Torres Vizcaya, que Galicia Bilingüe cualifica de "pintoresco", recolle, en defensa deste lema, que "se buscou unha palabra que rimase con 'galego'". Ademais, engade que "sería coartar a liberdade de expresión de alumnos e profesores cuestionalo" e matiza que "a única queixa que se presentou foi a deste pai".

En resposta a isto, a valedora afirmou que o cartel "invita o uso do galego utilizando un adxectivo despectivo" e que "non promove o respecto ás opcións lingüísticas dos demais". Milagros Otero tamén sinalou que o significado de 'lelo' é "parvo, simple ou necio".

Así mesmo, a valedora tamén argumentou que "non está en tea de xuízo a liberdade de expresión da alumna, senón o criterio da comisión que considerou positivo e premiou un cartel para o fomento do galego que cualifica como lelo a quen non o fala".

DESTITUCIÓN DO INSPECTOR XEFE

Pola súa banda, Galicia Bilingüe acusou de "inaceptable" que un responsable de inspección educativa "ningunee" durante tres meses unha petición tan "razoable e doada de atender" e afirmou que "é a terceira vez que Torres Vizcaya se posiciona xunto aos que fomentan o galego adoutrinando e permitindo que se falte ao respecto aos cidadáns que non comparten certas ideas".

Por todo isto, Galicia Bilingüe pediu, nunha carta ao conselleiro de Educación e ao presidente da Xunta, a destitución do inspector xefe. Da mesma forma, a asociación solicitou que se poñan os medios necesarios para que a promoción do galego se realice "dentro das canles de respecto e tolerancia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

1 Españolistas dades noxo

Pobres renegados do galego, que os oprime un neno cun cartel pintado a lápis. Outros temos a opresión do estado enriba pra compensar.