Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2017 | Actualizada ás 08:00
Preguntado por se o CGPJ debería tomar cartas no asunto, o decano do Consello da Avogacía de Galicia púxose, polo menos en parte, de parte da instrutora da Operación Pokemon e outras macrocausas contra a corrupción. Evaristo Nogueira mostrouse, en declaracións á Ser, partidario de que se aclare se houbo algún tipo de presión porque “isto non sería de recibo” nunha democracia.
Iso si, Nogueira tamén sinalou que tampouco é de recibo que teñamos abertas macrocausas contra a corrupción durante anos sen chegar a ningún tipo de conclusión.
Todos os partidos da oposición realizaron esta mesma crítica esta mesma crítica á xuíza, o feito de que aínda non pechara ningunha instrución das múltiples causas que abriu por presunta corrupción. Pola súa banda, Pedro Puy, voceiro parlamentar do PP, evitou en varias ocasións facer calquera valoración.
Os xuíces foco da polémica por atacar a súa compañeira -durante as conversas cun imputado por blanqueo de capitais- son Juan Carlos Carballal, titular do xulgado de instrución número 4 de Lugo, e Fidel del Río, titular do xulgado de vixilancia penitenciaria número 2 de Galicia.
Juan Carlos Carballal aparece citado numerosas ocasións no sumario da Operación Pokemon en relación con dirixentes do PP, como a deputada Paula Prado, o seu irmán o avogado Luciano Prado e o ex-xefe de gabinete do Concello de Santiago Ángel Espadas. Segundo publicou a Ser en primavera, Vigilancia Aduanera cre que este xuíz fixo de intermediario nun dos contratos públicos que presuntamente intentaba amañar Espadas en favor de Unika, filial de OHL.
Foi a filtración do informe de Vigilancia Aduanera quen provocou as conversacións críticas contra De Lara, intervidas no marco doutro caso insturído en Madrid, conversas que agora saen a luz. En virtude desas escoitas, Vigilancia Aduanera pide que se investigue a estes maxistrados por presuntamente tentar meter presión aos investigadores e a xuíza De Lara.
Ao igual que Carballal, o xuíz Fidel del Río tamén ocupou no pasado espazo na prensa por actuacións polémicas. En 2011, segundo El País, foi condenado por conducir borracho, retirándoselle o carné 10 meses. En 2008 Interviú cualificouno de “juez coladero” despois de que catro narcos franceses da mesma banda fugáranse sucesivamente.
As conversas publicadas non proveñen orixinalmente dun preito que instrúa a xuíza de Lugo. O maxistrado Eloy Velasco da Audiencia Nacional remitiu á titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, o de Pilar de Lara, estas conversacións telefónicas. Os citados xuíces falan cun empresario investigado, Juan Castro García, condenado noutro preito en Pontevedra canda dous funcionarios de Aduanas e outro empresario por fraude na venta de gasóleo. Castro García tiña o teléfono pinchado por orde xudicial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.