Por Xurxo Salgado | Compostela | 12/01/2017 | Actualizada ás 15:35
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén se sumou a queixa do Consello da Avogacía Galega e pediulle á maxistrada Pilar de Lara que axilice os macrocausas que tramita, especialmente, o da Operación Pokémon.
“É necesario axilizar os procesos porque unha persoa non pode estar nunha situación procesual tanto tempo”, dixo o presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. “A administración xudicial ten que ser máis áxil”, indicou.
De feito, relacionou esta “axilización” das causas coa situación procesual na que se atopa o ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, para evitar, dixo “decisións en cadea” que poidan prexudicar aos encausados. Referíase Feijóo á posibilidade de que o ex dirixente popular poida perder o seu soldo na Deputación de Pontevedra como asesor por estar investigado.
A opinión de Feijóo coincide coa manifestada polo presidente do Consello da Avogacía Galega, Evaristo Nogueira, a raíz da recente queixa dos avogados galegos por un rexistro ordenado por De Lara. Nogueira insistíu na necesidade de “axilizar” a instrución das causas xudiciais e criticou o rexistro nun despacho de avogados ordenado por de Lara.
O que non quixo valorar o presidente galego foi as críticas que sobre a xuíz verteron outros dous compañeiros da xudicatura que, en conversas gravadas por Vixilancia Aduaneira, suliñaron que lle ía caer un “buen carallazo” polas súas investigacións. “Eu sobre conversas privadas non me vou pronunciar”, manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.