O reitor da UDC cualifica de "ambiciosa" a proposta para o Campus Industrial de Ferrol cun novo grao

No curso 2018-2019 está previsto que comece a impartirse Xestión Industrial da Moda

Ferrol | 16/01/2017 | Actualizada ás 19:24 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xulio Abalde, catalogou como de "ambiciosa" a proposta que o seu equipo deseñou para que "o Campus Industrial do Ferrol poida ser unha referencia nos distintos sectores económicos", como o téxtil, a robótica ou dos videoxogos.

Segundo o cronograma presentado e as previsións que se manexa por parte desta universidade, no curso 2018-2019 está previsto implantar o grao en Xestión Industrial da Moda, con 45 prazas, ademais de dous másteres: Deseño Industrial coas especialidades de Xoias, Mobles e Automoción -con 20 prazas- e Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, con 20 prazas.

Ao seguinte curso, 2019-2020, serían dous os másteres, a desenvolver na sede ferrolana da UDC; un en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de moda -con 20 prazas- e outro en Informática Industrial, Automática e Robótica -co mesmo número de postos dispoñibles-.

As devanditas propostas formativas foron presentadas por Abalde nun acto celebrado na sala de xunta da Vicerreitoría, en compañía da vicerreitora do Campus de Ferrol, Araceli Torres; o director do Campus Industrial de Ferrol, Ginés Nicolás; e a responsable nesta cidade de Oferta Académica e Innovación Docente, Mariló Candedo.

OFERTA COMPLEMENTARIA

Segundo manifestou Xulio Abalde, as novas propostas buscan "dar unha oferta académica atractiva que complemente as actuais titulacións existentes no Campus de Ferrol". Ademais, engadiu que vai dirixida a "sectores económicos e sociais estratéxicos para Galicia e para o resto de España", xa que os títulos terán ademais "un alto enfoque práctico e profesional".

O tamén profesor universitario destacou que o grao en Xestión Industrial da Moda terá dúas modalidades de impartición; "unha totalmente en inglés e outra bilingüe". Os contidos, segundo engadiu, "irán enfocados a formar profesionais de toda a cadea da moda, onde boa parte da súa formación será en empresas deste sector".

Xulio Abalde tamén destacou que a oferta formativa prevista para o curso 2018-2019 "serán solicitadas á Xunta en xullo deste ano e a do seguinte curso un ano máis tarde, en xullo de 2018".

En canto ao ámbito económico, Abalde asegurou que se estudará "qué infraestruturas son necesarias para poñer en marcha estes títulos e o equipo de profesorado necesarios". "Moitos dos docentes para impartir este grao e estes catro másteres xa están nesta Universidade", concluíu o reitor da UDC.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta