A catedrática galega África González, finalista dos premios europeos Women Innovators

A profesora é recoñecida pola Comisión Europea polo seu labor como fundadora de Nanoimmunotech, spin-off das universidades de Vigo e Zaragoza.

Por GC Emprende | Vigo | 25/01/2017 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

A catedrática da Universidade de Vigo África González presentou  pasado mes de novembro a súa candidatura como fundadora da spin-off Nanoimmunotech aos premios Women Innovators 2017 da Comisión Europea. A tamén directora do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, vén de ser seleccionada agora xunto a outras 11 mulleres como finalista dos galardóns europeos que o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, premiarán a catro mulleres, unha delas nunha nova categoría dedicada ás mozas innovadoras de menos de 30 anos e que percibirá 20.000 euros, mentres que as outras tres galardoadas recibirán 100.000, 50.000 e 30.000 euros, respectivamente.

A catedrática África González (sétima pola esquerda), coas demais finalistas dos premios da Comisión Europea Women Innovators 2017
A catedrática África González (sétima pola esquerda), coas demais finalistas dos premios da Comisión Europea Women Innovators 2017 | Fonte: UVIgo.

“Gústanme os retos e non teño medo, por iso tamén no seu día me metín no tema da empresa”, explica desde Bruxelas África González, a quen Comisión Europea recoñece o seu labor como co-fundadora dunha empresa de éxito baseada nunha idea innovadora. Figurar entre as finalistas ao galardón “é un orgullo e unha gran satisfacción e ademais somos catro finalistas españolas co cal a alegría é maior porque as posibilidades de que llo dean a unha española son altas”, asegura, ao tempo que recoñece o elevado nivel das 11 finalistas do total de 47 que se presentaron a esta edición dos premios.

“As finalistas son innovadoras con talento, con interesantes historias que contar sobre como rachar barreiras e tomar riscos. As súas historias poden inspirar a outras mulleres e homes para converterse en innovadores”, asegurou o comisionado para Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, no acto celebrado nas últimas horas en Bruxelas, no que se deron a coñecer as finalistas dos premios deste ano 2017.

Xunto ás catro españolas, unha delas na categoría de mozas innovadoras, as restantes candidatas aos premios proceden de Francia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Italia e Bulgaria. O obxectivo destes galardóns é sensibilizar á sociedade sobre a necesidade da innovación e de mulleres empresarias e recoñecer os éxitos femininos na innovación.

Vendas de máis de 100.000 euros nos últimos anos; ter recibido axudas europeas e sobre todo o carácter innovador, son os principais requisitos que deben cumprir as empresas impulsadas polas promotoras das iniciativas que concorren ao premio. As propostas foron avaliadas por un xurado formado por expertas e expertos independentes dos ámbitos empresarial, de capital risco, do emprendemento e o académico, ante o que África González e as outras 11 finalistas realizaron unha exposición de 15 minutos para a continuación someterse a unha quenda de preguntas de media hora.

No caso da catedrática da Universidade de Vigo, centrou a súa exposición sobre Nanoimmunotech na importancia da multidisciplinariedade no ámbito da nanotecnoloxía, así como na necesidade de prover ao mercado de produtos nanotecnolóxicos ben deseñados e sobre todo o carácter innovador da empresa e o seu impacto social. 

“A selección cobre empresas de ámbitos moi diversos: social, educativo, medioambiental, neurocientífico, tecnolóxico… “, explica África González, quen salienta que “en Europa hai mulleres emprendedoras que teñen moito éxito e queremos que a UE nos faga visibles para que a sociedade saiba que existimos”.

NANOIMMUNOTECH

Hai sete anos, por iniciativa de cinco cofundadores e inversores, nacía Nanoimmunotech, unha empresa spin-off das universidades de Vigo e Zaragoza, centrada no ámbito da nanotecnoloxía. A empresa, que a día de hoxe integran 20 persoas, localizadas en Vigo, Zaragoza e Madrid e que acadou en 2016 uns ingresos de 0,6 millóns de euros, desenvolve e comercializa produtos e tamén ofrece servizos á carta, con distribuidores e clientes en máis de 45 países, centrándose na actualidade en catro áreas principais: Heatsens, un biosensor moi específico para a detección rápida de diversos analitos nos ámbitos clínico e agro-alimentario; a medicina rexenerativa; os estudos de biocompatibilidade de nanomateriais e a oferta de servizos para unir a nanomateriais elementos como anticorpos, enzimas, elementos fluorescentes e o deseño de nanoestruturas como nanopartículas magnéticas recubertas de ouro, únicas no mercado, informa Mª del Carmen Echevarría no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Glory

Galega? Non tal, moi madrileña e moi inimiga "de la imposición del gallego".