Por E.P. | A CORUÑA | 26/01/2017 | Actualizada ás 10:20
Os resultados provisionais que outorgaban o 58,66% dos votos á lista encabezada por Luís Villares para as eleccións internas de En Marea, 'Máis Alá!', con 21 representantes (de 35) para o Consello das Mareas, foron proclamados definitivos este mércores despois de que non prosperase o recurso presentado pola candidatura vinculada a Cerna, ''Queremos participar'.
A lista vinculada a Anova, 'Somos Quen', terá nove representantes neste máximo órgano de decisión entre asembleas tras facerse co 25,26% dos votos emitidos. Pola súa banda, a de Cerna, 'Queremos participar', queda con cinco tras obter o 16,08% dos apoios.
O Consello das Mareas terán esta composición despois de que o Comité Electoral decidise "desestimar as alegacións presentadas" por 'Queremos participar', que consideraba que coas cifras provisionais de votos 'Máis Alá!' debería ter 20 representantes; 'Somos Quen', 9; e a súa candidatura, seis en lugar de cinco.
INXERENCIAS EXTERIORES
En concreto, na resolución do Comité Electoral, este órgano argumenta a súa decisión en que o sistema de reconto "foi elixido previamente ao inicio da presentación das candidaturas, á campaña electoral e ao período de votacións". Ademais, indica que "o modelo suxerido" para contar os votos presentado nas alegacións "non resulta máis proporcionalmente puro" que o empregado e levaría á "sobrerrepresentación" de 'Queremos Participar'.
O documento recolle que un dos integrantes do Comité Electoral desexou facer constar "expresamente" o seu voto en contra a esta resolución. Pola súa banda, segundo fontes consultadas por Europa Press, o Comité Electoral queixouse de que se produciron inxerencias exteriores para condicionar os resultados, cuestión que critica.
PRIMEIRA REUNIÓN
A primeira reunión do Consello das Mareas, do que sairá a futura coordinadora composta por un total de 11 persoas máis os voceiros no Parlamento autonómico e no Congreso, terá lugar o próximo sábado, día 28 de xaneiro.
Neste encontro poderá resolverse o papel que terá o actual voceiro na Cámara galega, Luís Villares, na nova coordinadora --órgano executivo-- , toda vez que o documento asociado á súa propia candidatura --a que tivo máis votos--, veta que o maxistrado lucense poida compatibilizar o seu labor na Cámara galega coa de voceiro do partido político.
SERÁ VILLARES UN DOS VOCEIROS?
"Os voceiros de En Marea no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados (neste caso é un cargo rotatorio) formarán parte, con voz e sen voto, do Consello das Mareas e a Coordinadora, onde non ostentarán ningunha das tres portavocías, que serán ocupadas por dúas mulleres e un home", recolle un parágrafo do documento político.
Con todo, esta postura incluída no documento de 'Máis Alá!' contrasta, non obstante, coa das outras dúas listas que tamén se presentaron aos comicios internos, que apoian que Villares sexa o voceiro único da formación. Este feito, sumado ao regulamento das eleccións internas, fai que tecnicamente o voceiro parlamentario de En Marea tamén o poida ser do partido que se constituíu en xullo de 2015 na asemblea de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.