Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/01/2017 | Actualizada ás 09:42
A voceiro nacional do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Fronte Obreira Galega (FOGA), Xosé Carlos de la Fuente, asinarán este venres en Vigo un protocolo de integración desta formación na fronte nacionalista.
Ambas as dúas organizacións concordan na "necesidade de unidade de acción das forzas nacionalistas para avanzar cara a unha Galicia soberana con organizacións propias".
O protocolo recolle unha serie de principios compartidos, segundo avanzou o BNG, como son a "defensa do dereito de autodeterminación e da soberanía do pobo, a defensa dos dereitos sociais e económicos das clases populares, a aposta pola igualdade entre homes e mulleres e a defensa dunha economía ao servizo do pobo que permita xerar riqueza e contar cos recursos suficientes para manter os servizos públicos e sociais de calidade e universais".
Así mesmo, inclúese no documento de principios compartidos "o pleno desenvolvemento da identidade nacional, lingüística e cultural", así como unha democracia real e participativa.
A sinatura do protocolo terá lugar este venres 27 de xaneiro na cidade de Vigo, ás 11,00 horas, na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
INTEGRACIÓN NA FRONTE EN PLENO DEBATE
A integración no Bloque Nacionalista Galego realízase en pleno proceso asambleario, que culminará a finais de marzo coa celebración do seu plenario os días 25 e 26 de marzo.
Ademais, chega despois de que, tras a asemblea de xaneiro de 2012 en Amio, o BNG experimentase as súas dúas grandes escisións, que supuxeron a marcha dos irmandiños capitaneados por Xosé Manuel Beiras e as bases do que entón era Máis Galiza (que logo derivou en Compromiso por Galicia).
A iso, hai que sumar outras baixas no nacionalismo do BNG tras a asemblea da Coruña de febreiro de 2016, momento no que tamén houbo marchas puntuais como a do que fose voceiro parlamentario, Carlos Aymerich, e do que fose vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.