“Cociñando na fin do mundo”, premiado na Feira do Cocido de Lalín

O documental de Esmerarte, que participou en festivais tan importantes como o de San Sebastián, indaga de man do Grupo Nove na relación entre a nova cociña galega e a tradición culinaria, agrícola e pesqueira do país.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 07/02/2017 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A longametraxe documental “Cociñando na fin do mundo”, dirixida por Alberto Baamonde e producida por Esmerarte Industrias Creativas,  vén de proclamarse gañadora da XXIII edición do Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”. O traballo foi o mellor valorado polo xurado entre as 33 propostas que se presentaron á convocatoria deste ano. 

Xurado dos premios Álvaro Cunqueiro en Lalín
Xurado dos premios Álvaro Cunqueiro en Lalín

Da man do Grupo Nove, “Cociñando na fin do mundo” constrúe un retrato de Galicia que intenta desentrañar, a través de la gastronomía, o fráxil equilibrio entre tradición e modernidade nun territorio de contrastes. Os protagonistas son produtores, cociñeiros e outros profesionais que se debaten entre estas dualidades tratando de impulsar unha cociña de futuro máis alá dos clichés: a revolución silenciosa da nova gastronomía galega. A película “Cociñando na fin do mundo” foi estreada no Festival Internacional de Cine de San Sebastián o 24 de setembro de 2015 e tamén pasou polo Festival de Cine de Málaga.

O director, Albnerto Baamonde, comezou a súa carreira hai máis de dez anos no mundo da televisión, a música e a publicidade. Co seu alter-ego Zinqin, traballou como director de vídeos publicitarios, especializándose en música, turismo e gastronomía, as súas grandes paixón no outro lado do obxectivo. Cunha sensibilidade especial para narrar a Galicia máis emocional, iníciase na dirección cinematográfica coa súa primeira longametraxe, “Cociñando na fin do mundo”. Na actualidade atópase a piques de estrear o seu segundo documental, “O equilibrio dos opostos”, no que traballa co cociñeiro Javier Olleros, e está a preparar un documental sobre o mundo do viño en Galicia, “Vidas e Vides”.

O primeiro premio ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías está dotado con tres mil euros.

Los manteles de Cotán

O segundo premio do XXIII Premio de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, dotado con mil euros, recaeu en “Los manteles de Cotán”, unha serie de 23 entregas monográficas publicadas no xornal La Tribuna de Toledo con motivo da capitalidade gastronómica desta cidade no ano 2016. Neste traballo o autor fai un percorrido pola gastronomía toledana e peninsular dende as súas orixes tomando como pretexto a obra do pintor Juan Sánchez

Cociñando na fin do mundo
Cociñando na fin do mundo | Fonte: Esmerarte

Cotán (1560-1627), célebre polo seus bodegóns. Desta maneira e de xeito moi documentado realiza un repaso pola alimentación, os establecementos e os protagonistas históricos da gastronomía, dende a antigüidade ata os nosos días .

Adolfo de Mingo Lorente (Madrid, 1979) estudiou Historia da Arte na Universidade Complutense e Periodismo na Universidade Carlos III de Madrid. Leva case 20 anos traballando como xornalista cultural, faceta que simultanea cunha dobre vía de investigación como historiador: o patrimonio artístico e arquitectónico do século XVIII e as relacións entre o cine e a historia da arte. Ten seis libros publicados e dende 2003 é redactor no periódico La Tribuna de Toledo.

Premio ao mellor traballo académico 

Na categoría de mellor traballo académico, a opción escollida polo xurado foi o traballo “A Orella de Muros”, proxecto sobre o abalón, un molusco tamén coñecido como orella de mar, orella de Venus, cribia ou lapa burra. Trátase dun traballo de Alejandro Álvarez González, María Aneiros Aneiros, María Barcón Lage e Santiago Cacheiro Requeijo, estudantes do terceiro curso do Grao de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela. “A orella de Muros” é un proxecto multimedia que consta dunha páxina web como soporte principal acompañado da labor de difusión nas redes sociais para dar a coñecer este produto do mar tanto na súa vertente culinaria como na súa vertente de comercialización ou de producción. O premio ao mellor traballo académico está dotado con 1.000 euros.

Premio Álvaro Cunqueiro

Un total de 33 traballos foron presentados para participar no XXIII Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que pechou o prazo de entrega de candidaturas o pasado día 18 de xaneiro. Este certame que organiza cada ano o Concello de Lalín como actividade complementaria da Feira do Cocido, ten a finalidade fomentar a difusión da cociña galega e da gastronomía en xeral, e recoñecer o labor realizado por estudantes, xornalistas e escritores que prestaron especial atención ao devandito tema. Nesta edición os galardóns contaron cun total de 5.000 euros destinados a premios.

Nesta edición o xurado composto por representantes do mundo do xornalismo de recoñecido prestixio, entre os que estaban os decanos das facultades de comunicación de Galicia -Xosé Ramón Pousa (Santiago), José Videla (A Coruña) e Xosé Baamonde (Pontevedra). Tamén formaron parte do tribunal, o vicedecano do Colexio de Xornalistas de Galicia e director da revista “Luzes”, Xosé Manuel Pereiro, e a xornalista de “La Alacena Roja” Martina Vicente, quen ademais foi unha das gañadoras da pasada edición do certame.

Velaquí o trailer do documental premiada. Ademais, nesta enlace de Vimeo poden verse varias secuencias máis da obra:

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta