Catro días para celebrar a riqueza da cultura lusófona

A programación incluirá unha actuación de Quico Cadaval e Celso Sanmartín. Tamén xa se pode ver na Internet o documental Porta para o exterior, sobre o vínculo de Galicia cos países lusófonos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/02/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Portugués Perto. Así se chama a iniciativa posta en marcha no campus de Ourense para reivindicar a riqueza da lingua e da cultura lusófonas. Trátase da celebración dunha iniciativa da Vicerreitoría do campus que este ano celebra do 6 ao 10 de marzo a súa sétima edición consolidada xa no calendario cultural universitario. Seguindo o formato de anos anteriores, a programación mesturará actividades vinculadas coa lingua, a música, os contos, o baile e a festa, contando entre os participantes co actor e narrador Quico Cadaval e a banda portuguesa Parapente 700. 

Festa musical dentro dos XVIII Colóquios da Lusofonía
Festa musical dentro dos XVIII Colóquios da Lusofonía

A programación gratuíta arrancará o día 6 de marzo coa celebración dunha nova edición na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Obradoiro OPS! O galego como oportunidade competitiva e privilexiada. Nesta ocasión a persoa encargada de impartilo será Tamara Varela, da Asociaçom Galega da Língua Agal. Seguindo o modelo dos obradoiros celebrados os tres últimos anos, a sesión terá un carácter principalmente práctico co obxectivo de que os asistentes sexan conscientes das portas que lles abre o galego no mundo, non só desde un punto de vista de enriquecemento cultural senón de desenvolvemento profesional. 

As artes como nexo de unión

As actividades lúdicas comezarán o día seguinte, o 7 de marzo, cando Quico Cadaval volva a actuar no campus de Ourense. O actor e narrador galego subirá ao escenario con Celso Sanmartín para deleitar ao público asistente cunha sesión de contos, entretemento e humor. A actuación, que terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro, será de balde e aberta a todas as persoas interesadas. Na mesma sala pero o día 8 de marzo realizarase a proxección de Vikingland 2016, unha peza de arte visual e sonoro realizada polo trío experimental Ulobit, formado por Horacio González, Xoán-Xil López e Ariel Ninas, sobre material de Vikingland, un filme de Xurxo Chirro con imaxes caseiras dun mariñeiro galego no Mar do Norte nos anos 90. 

O día 10 de marzo, Portugés Perto pechará a súa actividade cunha sesión que comezará cun Obradoiro de baile a cargo de Eva Parmenter e Denys Stetsenko, da banda portuguesa Parapente 700, e rematará coa celebración dunha nova edición de Venrespirar. Trátase esta última dunha festa tradicional itinerante por prazas da cidade de Ourense organizada polas asociacións Gomes Mouro e Algaravía. En cada sesión de Venrespirar convídase a todas as persoas interesadas a improvisar músicas, bailes e conversas dun xeito lúdico e ameno. A esta sesión no campus, que terá lugar entre os edificios de Ferro e Politécnico ou na Sala Emilia Pardo Bazán, segundo as condicións climáticas, unirase Parapente 700.

Iniciativa posta en marcha no mundial de Brasil para impulsar o galego-portugués
Iniciativa posta en marcha no mundial de Brasil para impulsar o galego-portugués | Fonte: omundialfalagalego.com

Documental Porta para o exterior

Por outra banda, este martes, Dia Internacional da Lingua Materna, foi liberado na Internet o documental Porta para o exterior, dirixido por Sabela Fernández e José Ramom Pichel e producido por Axóuxere, en parceria con AGAL, para partillar e descargar libremente na rede.

Porta para o exterior é unha viaxe que nos permite transitar polas experiencias de máis de 70 persoas entrevistadas, que nos mostran como e porque viven a súa lingua diariamente como unha lingua falada non só na Galiza, mais tamén noutros lugares do mundo “Brasil, Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde e Timor Leste” e os desafíos que leva consigo.

Porta para o exterior, pretende coñecer son as razóns desas persoas afirmaren que galego e portugués son variedades do mesmo idioma e cales son as súas propostas de futuro para a lingua ao norte do Miño, que pasan por unha mudanza de vía, agora que os datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) falan de que só 18% dos nenos galegos menores de 14 anos ten como lingua diaria, a que fora maioritaria en xeracións anteriores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta