Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/02/2017 | Actualizada ás 20:00
O Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), cumpre cen anos. Co gallo deste centenario, no serán deste xoves presentouse, nun acto celebrado no Edifico Areal de Vigo, un programa de actividades co que durante todo 2017 se conmemorará un século de historia do centro con exposicións, xornadas de portas abertas ás súas instalacións, visitas a buques oceanográficos e moitas outras actividades.
Durante a presentación interviñeron Mª Vcitoria Besada, directora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO; Eduardo Balguerías, director do IEO; Ana María Ortiz, subdelegada de Goberno en Pontevedra, e David Regades Fernández, segundo tenente de alcalde de Vigo. Ademais, o acto contou coa presenza de representantes de todos os ámbitos institucionais, universitarios, culturais e intelectuais da cidade, xunto ao persoal do IEO.
Este acto marca o inicio do programa de actividades e eventos que se desenvolverán ao longo do ano. Entre eles destacan as xornadas de portas abertas ao buque oceanográfico Ramón Margalef, que se celebrarán do 14 ao 17 de marzo, e os obradoiros científicos, que se celebrarán en abril no Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), dirixidos a escolares e público xeral.
A partir do 1 de marzo, ás 9:00 horas, ábrese o prazo de inscrición para os colexios interesados nas xornadas de portas abertas do buque oceanográfico Ramón Margalef, Embárcate co COV e dos obradoiros Viaxe ao Centro do Oceanográfico no museo Marco, a través do correo electrónico apoyo.direccion@vi.ieo.es, por rigorosa orde de inscrición e con entrada de balde.
Ademais de facer público o programa de actividades, durante o acto presentouse o novo logotipo e lema do centenario: "100 años en Vigo una vida en el mar".
Tamén se fixeron públicas as novas contas en redes sociais do centro, plataformas desde as que se pretende incrementar a visibilidade e divulgación desta organización centenaria e do traballo que realiza polo estudo e protección dos nosos mares.
O acto finalizou cunha conferencia impartida polo investigador do IEO Luís Valdés titulada "Cambio climático: da evidencia científica á acción política".
COV
O Centro Oceanográfico de Vigo (COV) inaugurouse o 2 de setembro de 1917 e é un dos nove centros oceanográficos do IEO.
O COV desenvolve a súa actividade investigadora seguindo os obxectivos do Plan Estratéxico do IEO e as demandas de consello científico que emanan das administracións do Estado. A investigación realízase a través de proxectos distribuídos en tres áreas de investigación: Área de Acuicultura, Área de Medio Mariño e Protección Ambiental e Área de Pesquerías.
En Cabo Estai-Canido, sitúase un edificio para a investigación mariña en xeral e unha planta de experimentación de cultivos mariños ampliando a súa presenza na cidade a través das dependencias de Beiramar.
IEO
O Instituto Español de Oceanografía (IEO), é un organismo público de investigación (OPI), dependente da Secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación do Ministerio de Economía y Competitividad, dedicado á investigación en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento científico dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño.
O IEO representa a España na maioría dos foros científicos e tecnolóxicos internacionais relacionados co mar e os seus recursos. Conta con nove centros oceanográficos costeiros, cinco plantas de experimentación de cultivos mariños, 12 estacións mareográficas, unha estación receptora de imaxes de satélites e unha frota composta por seis buques oceanográficos, entre os que destaca o Ramón Margalef e o Ángeles Alvariño.
O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e, en particular, o Programa Operativo de I+D+i por e para o Servizo das Empresas (Fondo Tecnolóxico), participa na cofinanciación dos buques Ramón Margalef, Ángeles Alvariño e Francisco de Paula Navarro, así como no Vehículo de Observación Remota (ROV) Liropus 2000.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.