Bo badal

As badaladas son toda unha arte. Un meu tío aínda sabe facer soar a defunto, a defunta, a nacemento dun neno, dunha nena. Ademais de signo icónico-visual, as campás da igrexa parroquial, tanguidas por maos sabias, saben transmitir información que chega ao corazón. O badal convertido en ferramenta para a comunicación non verbal, en plan semiótico. Eu mesmo, de monaguillo casual, teño feito os meus repeniques domingueiros en Cerasia.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 18/12/2009

Comparte esta noticia

 Nesta vella Europa, as badaladas forman parte da memoria viva do campesiñado que se extingue, aderezan as escenografías de turismo rural, aventan o pasado coma un son que xungue home e terra. De seguro que católicos e non tan católicos senten certa seguranza ao escoitar o latexar das campás da aldea, lembrando esa estampa mítica dos labregos rezando o angelus en pleno agro.

Con todo, esta vella lóxica musical tribal afuciña diante da Modernidade. Na contorna de Compostela, os badaleiros que reclaman casa por casa (campanas de Bastabales, cando vos oio tocare) os emolumentos simbólicos para manter acesa a tradición, atopan un non por resposta de parte dos novos veciños neorrurais, laicos e postmodernos. As dúas actitudes son doadamente comprensíbeis. Topamos diante de dous discursos paralelos, coma o relato mítico dos mouros e a narrativa científica dos arqueólogos que tentan explicar a realidade de xeitos diferentes. Voltando ás badaladas, de seguro que na Suiza alpina os campanarios cristiáns gozan de moi boa saúde. Un pais neutral no corazón de Europa que acolleu mareas humanas de emigrantes.

Eu non teño experiencia directa deste proceso, pero teño falado moito con traballadores temporais en Suiza, onde levaban trinta anos (nomeadamente albaneis e canteiros), e tamén teño amigos nados en Xenebra ou Berna nos anos 70, algúns criados en Galicia cos seus avós e outros educados alá até os anos da adolescencia. Dous fenómenos amósanse claros a través do testemuño deste labrado de xentes: dunha banda, o hermetismo, cando non xenofobia cara a eles dunha parte da poboación autóctona, e doutra a cerrazón dunhas comunidades galegas que delimitaban claramente os círculos de sociabilidade dentro do propio grupo étnico. Seica esas reticencias cara ao Outro por terras alpinas son ben explotadas pola ultradereita, cuspidiño a esta España de roncos, intereconomías e libertades dixitais. Así pois, en Suiza veñen de prohibir en referéndum a construcción de novos minaretes.

En Madrid, a presidenta dunha asociación veciñal declara que a futura construcción dunha mesquita no barrio é un perigo que acabará coa calidade de vida dos habitantes españois (sic), expostos a convertérense nun guetto (sic). Resulta curioso o temor que nos produce a chegada de novos símbolos relixiosos. Se os chineses se adicasen a eguer templos budistas en vez de macrotendas de todo a 1 euro, outro galo cantaría, sen dúbida algunha. En Etiopía occidental xa van uns cantos anos que tivemos que sofrer o proselitismo relixioso de católicos, protestantes, cristiáns ortodoxos e musulmáns. En calquer vila de tamaño mediano xa podes esquencerte de durmir na madrugada perante a puntualidade dos muecíns e dos cregos ortodoxos, todo un pique noitarego de berros e cánticos sobredimensionados por outavoces de alcance kilométrico.

Como bos modernos ateos pasamos olímpicamente da presenza sonora da relixión na vida cotiá, pero tamén como bos desertores do arado recoñecemos tamén as sensacións de cercanía das badaladas da nosa aldea. O temor ao Outro comeza a materializarse en Suiza de xeito sorprendente. Deste país castizo noso xa nos agardamos calqueira cousa, un sitio no que se defende públicamente en medios de comunicación o asasinato de somalíes e de mauritanos. Ante isto, os minaretes son pataca minuta. De seguirmos así haberá que preguntarse, cando xa non haxa cregos, por quen dobrarán as campás…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA