Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2017 | Actualizada ás 19:23
A directora do Centro Oceanográfico de Vigo, Victoria Besada, reclamou a contratación de "máis persoal" para a entidade, que leva sen cubrir as vacantes por xubilación desde o inicio da crise económica. "A ciencia avanza cando se incorpora persoal novo con moitas ideas e ganas de traballar", expresou nunha entrevista este venres na Radio Galega.
Besada pediu a cobertura das vacantes "que non se puideron repor" debido á crise. Unha falta de persoal que non se limita unicamente ás prazas de investigadores, senón que o centro tamén precisa "técnicos e persoal administrativo".
Así as cousas, a directora do centro en Vigo do Instituto Español de Oceanografía apuntou que quere que "a sociedade viguesa e galega" se achegue ao centro no ano do seu centenario. Para iso, realizarán unha xornada de portas abertas, levarán ao centro da cidade olívica varias actividades e organizarán unha visita ao buque 'Ángeles Vilariño', que terá lugar "entre o 14 e o 17" do presente mes de marzo.
PRESTIGE
Preguntada sobre o estado de Galicia 14 anos despois do seu afundimento do 'Presige', Besada opinou que "as correntes da costa galega e a fortaleza do mar permitiron que a propia natureza limpase o fuel".
"Somos zona de paso e, a pesar de que os buques teñen dobre casco, non estamos libres de que se produzan sucesos", advertiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.