Varela e Fernández soan como relevo para dirixir o PSdeG

Os movementos para unha renovación da xestora do PSdeG están a sucederse nas últimas horas. Os propios membros da actual dirección provisional socialista, segundo as fontes socialistas consultadas hoxe por GC, saben que Pilar Cancela ten os días contados no posto.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 15/03/2017 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

Segundo esas fontes, Ferraz está consultando aos diferentes líderes do PSdeG posíbeis nomes para encabezar o equipo que ten que levar o leme do partido até o próximo congreso autonómico. Polo de agora soan con forza dous nomes, segundo Radio Galicia, o ex-conselleiro de Traballo do bipartito Ricardo Varela e a ex-senadora Paula Fernández.

Ricardo Varela
Ricardo Varela

Trataríase de buscar unha figura de consenso que non soliviantara moito a ningún dos bandos enfrontados, os máis proclives a pactar coas mareas e próximos a Pedro Sánchez e os máis reacios aos pactos e en teoría máis partidarios de Susana Díaz.

Asemade, co próximo relevo o aparato do PSOE en Madrid busca sacar do medio a actual presidenta da xestora. Pilar Cancela comprometeu a neutralidade do seu equipo nas inminentes primarias estatais. Con todo, as súas pasadas preferencias por Pedro Sánchez xogan na súa contra. Ferraz non quere en Galicia unha líder que poida axudar a decantar os comicios a favor dos ‘sanchistas’. 

Abel Caballero, lóxicamente, é un dos personaxes clave nesta partida de xadrez. O alcalde de Vigo indicou onte mesmo que a xestora, coa que está abertamente enfrontando, ten os días contados. Iso si, non defendeu, como no pasado, que a nova presidenta deba ser a presidenta da Deputación de Pontevedra. O feito que Caballero reduza a súa presión en favor de Carmela Silva indica que se podería estar chegando, efectivamente, a un nome que suscite máis consenso.

Un dos membros da actual xestora xa mostrou a súa disposición a marcharse se Madrid toma a decisión de ordenar unha renovación. En declaracións á Ser, o alcalde Oroso dixo que “as persoas a min dánme igual, pero calquera que estea ou que veña debe ter sensibilidade e o que ten que facer é fixar o calendario para as primarias e o congreso”. 

Como apunta Manuel Miras Franqueira, a batalla clave a combatir no PSdeG non é quen lidera as primarias, senón quen se fai coa dirección do partido tras a renovación do PSOE en xuño e o posterior proceso a nivel autonómico. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta