En 1977 el ten 11 anos e está indo en avión por primeira vez. El e a súa nai están cruzando o océano Atlántico coa compañía Capitol Air. Saíron do aeroporto de Labacolla en Santiago de Compostela con rumbo ao aeroporto John Fitzgerald Kennedy en Nova York. Sucede algo estraño: un neno dille bromeando á súa nai que hai unha bomba no avión. Un membro da tripulación avisa ó capitán, que decide desviarse ao aeroporto máis próximo para facer unha revisión da aeronave. Por esta coincidencia, o primeiro país estranxeiro que el pisa na súa vida é Irlanda.
En 1980 el ten 14 anos e namórase dunha cinta do primeiro álbum dun grupo irlandés chamado U2. O disco titúlase “Boy” e xunta a voz extraordinaria do cantante Bono coa guitarra eléctrica apaixonada dun mozo que se fai chamar The Edge. Para o neno que acaba o curso de oitavo de primaria, os solos nos temas “Out Of Control” e “Another Time, Another Place” son os máis emocionantes en toda a música rock.
En 1984 el ten 18 anos e acaba os estudos nun instituto levado por sacerdotes irlandeses. Entre os libros estudados, a el gústalle especialmente unha novela de James Joyce titulada “Retrato do artista cando novo”, e o relato “Os mortos” dentro do libro “Dublineses”. Pola súa conta, encontra luz na novela “Un lugar pagano” de Edna O’Brien.
En 1990 el ten 24 anos e acaba os estudos universitarios en Compostela. Entre as cintas máis escoitadas durante a carreira está “This Is The Sea” dos irlandeses The Waterboys. Unha obra incluída dentro dunha lista de lecturas queda no recordo: o “Tristram Shandy” de Laurence Sterne, nacido en Clonmel. Esta novela cómica, que presenta ao mundo ó indeleble e hilarante Tío Toby, é un dos catro libros que na vida o fixeron rir en voz alta.
En 1992 el ten 26 anos e coñece por primeira vez a unha celebridade irlandesa. Trátase da insigne novelista e pensadora Iris Murdoch que, acompañada en Compostela polo seu marido John Bayley, conversa con grande amabilidade e simpatía.
En 2007 el ten 41 anos e decide viaxar a Irlanda. Un colega do instituto, o historiador e novelista de Noia Xerardo AgraFoxo, recomendoulle que fora ver Newgrange ou Brú na Bóinne, un túmulo funerario localizado cerca de Drogheda. Na viaxe, el tamén quere saudar dándolle unha sorpresa a outro noiés, o poeta Martín Veiga que traballa na Universidade de Cork. Martín non está alí nese intre. Pero Newgrange fascina. É unha mámoa xigante! El nunca sentira unha escuridade tan grande como alí dentro. Tamén queda absorto coa beleza da xente de Cork. En Dublin, el visita o Trinity College para ver o famoso e precioso Libro de Kells. Na antesala do escuro cuarto que o garda, os paneis explicativos dan por feito que os celtas estiveron en Galicia.
En 2014 el ten 48 anos e xa acumula máis namoramentos irlandeses: o poeta Seamus Heaney, Samuel Beckett, o chamado León de Belfast Van Morrison, o grupo tradicional The Chieftains que en 1996 dedicou un disco a Galicia e a Santiago, os Boomtown Rats de Bob Geldof (impulsor de Band Aid e Live Aid), Altan, Clannad, Enya, Moya Brennan, Maire Breatnach, The Cranberries, Operating Thatre, a fermosura da actriz Maureen O’Hara e da cantante Andrea Corr ...
En 2015 el ten 49 anos e acompaña por derradeira vez ao seu pai no Hospital Provincial de Conxo. O pai está obsesionado con dúas palabras en latín desde que leu o texto de Oscar Wilde ao cal lle dan nome, e pregunta repetidamente ao fillo por elas: De profundis.
En 2017 el sinte curiosidade polas relacións entre Irlanda e Galicia. Estiveron aquí os celtas? Durante canto tempo? Cal é o seu legado? Existe un modo de ser celta? En que nos parecemos na actualidade? Soan simbolicamente no aire arpas e gaitas e el nota como o pervade un forte desexo de volver á querida Éire.