Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 20/03/2017 | Actualizada ás 17:00
UPyD, a formación que fundou Rosa Díez e que chegou a ter certa implantación en concellos galegos, quere rexurdir das súas cinzas logo de que, prácticamente, quedou desaparecida pola irrupción de Ciudadanos.
Tras a designación como novo coordinador de UPyD en Galicia de Javier Lojo, o candidato ao Congreso por Pontevedra en 2015, esta formación procederá a modificar a estrutura organizativa do partido a nivel autonómico e establecerá conversacións para achegar posturas con diferentes institucións e partidos políticos galegos.
“A nosa principal meta é volver situar a UPyD na actualidade política autonómica. Galicia necesita un partido que defenda as verdadeiras políticas do centro-esquerda progresista e máis agora que Cidadáns demostrou ser un verdadeiro engano, unha estafa para Galicia”, destacou o novo coordinador. “En Galicia, temos estrutura no catro provincias e a nosa meta son as próximas eleccións municipais”, engade.
Lojo chega despois da substitución do anterior coordinador rexional, Enrique Lareo, que tomou a decisión de dimitir do cargo "por causas persoais". O resto da lista confórmana a responsable de Organización Ana Argiz (Lugo), Miguel Brasa (Vigo) como responsable de Acción Política e Programa, Elena Español (Pontevedra), Borja Muíños (Marín) responsable de sociedade civil, Carlos Fontán (Pontevedra), Carlos Casar (Ourense) e Javier Gil (Vigo).
Nas próximas semanas, UPyD anuncia que percorrerá as principais cidades de Galicia para informar das súas principais propostas. Ademais, quere animar á xente a sumarse ao proxecto, que agora lidera Cristián Brown, e que nos últimos meses está a incrementar a afiliación. “Curiosamente son moitos os afiliados que se foron e que marcharon e están a volver a UPyD. Algúns nos din claramente que sentiron estafados por Ciudadanos e que non queren apoiar a un partido que defende abertamente as políticas conservadoras do Partido Popular”, indica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.