O Centro Oceanográfico de Vigo recibe a Medalla da cidade polos seus 100 anos de traballo

A institución científica do Instituto Español de Oceanografía é recoñecida pola súa "defensa da xusta causa da ecoloxía, o medio ambiente e o coñecemento dos océanos".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/03/2017 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituo Español de Oceanografía (IEO) recibiu este luns Medalla da cidade en agradecemento aos 100 anos de traballo da institución "defendendo a xusta causa da ecoloxía, o medio ambiente e o coñecemento dos océanos". Abel Caballero, alcalde de Vigo, entregou o premio nun acto celebrado no Teatro Afundación.

Acto de entrega dos premios Vigueses Distinguidos e da Medalla da cidade
Acto de entrega dos premios Vigueses Distinguidos e da Medalla da cidade | Fonte: IEO.

O pasado mércores, o pleno do Concello de Vigo elixiu os Vigueses Distinguidos e a Medalla da cidade do ano 2017, que foi entregada nun acto solemne ao que asistiton a directora do Centro Oceanográfico, Victoria Besada, e investigadores e técnicos da institución que quixeron compartir o galardón.

Besada, en primeiro lugar, destacou a honra que supón "tanto como directora do Centro como viguesa de nacemento, recoller esta medalla en nome de todos os traballadores actuais e todos os que ao longo destes cen anos traballaron na institución".

Por outra banda, a directora resaltou "a vocación de apoio á sociedade que sempre tivo o Centro Oceanográfico de Vigo ao longo da súa historia, que orientou os seus estudos aos problemas dos principais sectores produtivos, por exemplo o pesqueiro".

Por último, agradeceu a todo o persoal do Centro o seu traballo e trasladou os agradecementos da dirección do IEO ao Concello de Vigo.

A Medalla da cidade entregouse por unanimidade e a Corporación Municipal de Vigo destacou o papel do IEO na "resolución de retos en investigación, desenvolvemento e consello científico dirixidos a dar resposta aos requirimentos e tamén retos sectoriais en materia de medio ambiente, pesca, acuicultura e calidade dos produtos alimenticios de orixe mariña".

O Centro Oceanográfico de Vigo xa foi elixido en 2007 entre os premiados como Vigueses Distinguidos e dez anos despois volve ser recoñecido pola cidade, esta vez coa súa máxima distinción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta