Por Xurxo Ayán | Santiago | 04/02/2010
Dentro deste contexto ideolóxico, Addis Ababa (A Nova Flor) recupera o glamour e o seu carácter de referente simbólico para a causa africanista, algo polo que loitou o negus Haile Selassie durante todo o seu reinado trala súa reposición no trono polos británicos en 1941. Este megalómano personaxe adicou os seus folgos á diplomacia e ás relacións internacionais, mentres condanaba ao seu pobo a padecer un anacrónico Estado teocrático e feudal. Quen queira coñecer de cerca esa realidade cruel e decadente da Abisina do Ras Tafari debe ler esa xoia literaria de Kapuscinski chamada “Emperador”. O gusto polo boato e a cerimonia deste emperador pequeno, fol de veleno, viña xa de antigo, como deixou tamén testemuñado o xornalista e novelista británico Evelyn Waugh en “The Times: Remote people” (1931, edición en castelán en DeBolsillo, 2009), a súa crónica da coroación do negus en 1930. Un familiar meu aínda recorda a visita oficial de Haile Selassie en abril de 1971 a Madrid, ocasión que aproveitou a casposa propaganda tardofranquista para encher a capital de pancartas sinalando o feito de que un Emperador viña rendir honores ao Caudillo, africanista coma o negus, onde vai parar.
Sexa como for, os anceios internacionalistas deste home esmiuzado adorado en Xamaica acadaron para a capital etíope o feito de se converter na sé da Organización para a Unión Africana, antecedente da actual Unión Africana que non casualmente vén de celebrar o seu XIV cumio na Nova Flor. Lonxe do glamour exótico doutros tempos, Etiopía é un destino pouco apetecible para o corpo diplomático. Tomado polos embaixadores e embaixadoras como un breve rito de paso cara a outras prazas máis suxerentes perto do Poder, as embaixadas de Addis reflicten como ningunha outra arquitectura a realidade internacional. Así por exemplo, a sen-Estado Somalia mantén un modesto edificio abandonado, ao xeito de chalet en primeira liña de costa que van derrubar por orde xudicial. Pola contra, a embaixada española conta cunha ampla propiedade arborada, persoal etíocubano que fala español e notables medidas de seguridade. Segue o modelo desas embaixadas occidentais, verdadeiros búnkers á marxe da contorna, dos que saen os nenos e nenas para ir ao Liceo francés ou escolas de faranji (guiris). Mentres, a clase diplomática monta os seus “saraos” dentro dun circuito exclusivo na noite da capital.
A esta realidade achegouse o presidente de España estes días para participar no Cumio antedito da Unión Africana, sempre amosando boas intencións (Mauritania, Somalia) de difícil execución práctica. O que arrepía é ver ao dirixente do Estado español compartir mesa e saúdo afectuoso co libio Gadaffi, un megalómano que se considera o sucesor do negus como líder africano por excelencia e que lonxe de combater a fame do continente ou mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, só pretende investir en exércitos, moedas únicas, e fastos no Sheraton. Grazas á tradicional diplomacia abisinia, este dictador non acadou renovar o seu liderado á fronte da Unión Africana. Pero dá igual, como bo seminómade irá coa “jaima” a outro sitio a seguir amosando a insoportable levedade do Poder. Show must go on.