Por Manuel Vilas | Ferrol | 30/03/2017 | Actualizada ás 08:00
O teléfono do revisor Gregorio Bermejo non para estes días. El é o rostro das advertencias de Comisións Obreiras ante o desmantelamento da liña de ancho métrico -a vella FEVE- entre Ferrol e Ribadeo.
Ademais de revisor, Gregorio é usuario da liña, polo que sabe dos trucos que empregan algúns viaxeiros para evitar pagar. Dos trens que circulan agora mesmo, calcula que “aproximadamente un 50% viaxa sen revisor, polo que a xente pode viaxar gratis, incluso aínda que queira pagar, non ten onde”.
Por exemplo, aproveitando que só hai tornos de control en Ferrol e Xubia (Narón), cando non hai revisor no tren cara a cidade departamental moitos viaxeiros baixan en San Xoán, que está a menos de dous quilómetros andando da céntrica Praza de España.
Os problemas da liña son máis graves que a falta de persoal e máquinas para cobrar, tamén sofre dun alarmante nivel de abandono dos convois. “A semana pasada, o martes ou o mércores, de 9 trens que había para circular, 8 estaban avariados”, explica o traballador.
Outra das eivas é a falta de mecánicos. En Ferrol, de 10 mecánicos que había hai uns anos, quedan dous. “Puntualmente mandan compañeiros da Coruña ou Asturias de reforzo pero, claro, puntualmente, cando poden; ademais, como non hai orzamento, tampouco hai pezas de recambio suficientes”, relata Bermejo en conversa con GC.
A falta de persoal afecta a todos os departamentos. O sindicalista calcula que hai uns anos habería máis de 100 traballadores atendendo esta liña e agora quedan uns 85 que, ademais, teñen unha idade media de 55 anos. Cando alguén está doente ou de vacacións, é frecuente que os convois, simplemente non saian.
O voceiro de CCOO en Renfe-Ancho Métrico estima que nestas semanas entre o 10 e o 20% dos viaxes previstos non se realizan. “Raro é o día no que non hai a supresión dun tren”, laméntase.
Ademais, “hai 4 anos tiñamos 11 revisores e agora temos 6” polo que moita xente viaxa sen billete. Sen billete os pasaxeiros non suman nas estadísticas e con poucos viaxeiros o Estado ten máis argumentos para pechar o deficitario servizo.
Esta “cadea” de abandono responde a unha estratexia planificada do Ministerio de Fomento para pechar a vella FEVE? Bermejo non ten claro se o Estado quere cargarse a liña a mantenta, pero si constanta que a situación empeorou dende a creación de Renfe Ancho Métrico e advirte que a fin pode estar preto.
Fomento -a través de INECO- está a elaborar un plan de mobilidade estatal. Nel definirase que liñas son cualificadas como de “obrigación de servizo público”. Se non hai viaxeiros, o Estado ten argumentos para quitarlle esta etiqueta á liña Ferrol-Ribadeo. E sen esta etiqueta, a lexislación europea impide subvencionar aos trens. Cando o Ministerio deixou que as liñas rexionais galegas perderan esta cualificación, o resultado foi que máis de 80 conexións ferroviarias en Galicia desapareceron.
A vella FEVE é deficitaria debido ao seu progresivo abandono. Con todo, segue a ser o único servizo de transporte público para moitas parroquias, Meira por poñer un exemplo. Na zona da Mariña moitos mozos a empregan para saír de marcha, polo que a súa desaparición pode provocar máis accidentes nas estradas.
De haber interese, este tren pode ser rendíbel explotando o cada vez maior tirón turístico da zona. Claro que para iso ten que haber un servizo decente e presión política. Por iso dende CC.OO. xa mandaron cartas aos concellos e á Xunta, coa que esperanza de que falen con Fomento. Do contrario, outro servizo público botará o feche nunha das zonas do país máis tocadas pola crise.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.