Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/03/2017 | Actualizada ás 16:00
“Está claro que hai eivas estruturais importantes”. Deste xeito definiou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a situación de moitas infraestruturas ferroviarias, especialmente, a do FEVE, en Galicia.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo, non tivo problemas en recoñecer que a única liña realmente competitiva que hai no país é a do eixo atlántico e a conexión coa Meseta, é dicir, a liña que vai da Coruña a Vigo, pasando por Santiago, Vilagarcía e Pontevedra e a que conecta as principais cidades galegas con Madrid, a través de Ourense. “O resto ten moitas eivas”, dixo.
En todo caso, tamén indicou que as melloras das liñas e a chegada da alta velocidade a Galicia vai influír no resto das infraestruturas ferroviarias. “Cun pouco que melloraremos a conectividade co resto do Estado, tamén melloraremos noutras liñas”, indicou.
E sobre a situación do FEVE, que moitos colectivos e concellos teñen denunciado polos seus atrasos, pésimo mantemento ou pola falta de persoal, Feijóo indicou que “haberá que darlle unha volta a ese tren”. Con todo, especificou que “terá que facelo presidente de FEVE”. Non quixo, o presidente galego referirse a necesidade de que a Xunta asuma as competencias para mellorar a liña, tal e como lle preguntou este medio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.