Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/04/2017 | Actualizada ás 23:58
A Cámara galega sacou adiante unha proposta para modernizar a liña ferroviaria que conectan as principais vilas e cidades do norte de Galicia a través da antiga FEVE entre as comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña. Unha liña que dá servizo a máis de 240.000 persoas e a empresas tan importantes como Alcoa ou ás integradas no sector da madeira.
A iniciativa, defendida pola deputada por Lugo Olalla Rodil, pídelle ao Goberno central os investimentos e as actuacións necesarias para “dar un bo servizo ferroviario” na liña que une Ferrol con Ribadeo, mellorando os trens, as estacións, os trazados e dotando de maior persoal este servizo.
“Imos estar vixiantes de que se cumpra este acordo porque temos a obriga de darlle á veciñanza destas comarcas un tren do século XXI”, recalcou Rodil, enumerando os concellos afectados, - Moeche, Cerdido, San Sadurniño, Narón, Ferrol, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira, Cariño, Viveiro e Ribadeo- “que levan meses esperando unha reunión coa conselleira de Infraestrutura”.
Non obstante, non prosperou en cambio a proposta nacionalista de pedir a transferencia da xestión desta liña ferroviaria polo veto do PP. “Estamos convencidos de que a xestión directa é a maneira de defender este servizo público fundamental para vertebrar o territorio, desde logo, non o imos lograr enviando cartas o Ministerio de Fomento como fai a conselleira, porque ao Goberno central as comunicacións das comarcas de Ferrolterra e A Mariña non lle importan nada”, alegou Rodil.
A deputada denunciou a supresión, sen explicación algunha, da partida de 12 millóns de euros destinada á modernización da liña que da servizo de transporte de viaxeiros, pero que tamén ten un gran potencial como transporte de mercadorías. “Para que se fagan unha idea, só ALCOA move 350 toneladas diarias de placa de aluminio, imaxinen as posibilidades económicas que se abrirían tendo en conta tamén as empresa do sector madereiro que actúan nestas comarcas”, explicou Rodil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.