A política de eliminación de corvos mariños podería vulnerar a lei

SEO/BirdLife denuncia a caza desta especie, que "é ineficaz para mellorar as poboacións de troitas e salmóns" nos ríos, como argúen a Administración e os pescadores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/04/2017 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

A realidade que se está vivindo nos ríos do norte da Península con respecto á diminución das poboacións de troita e salmón nos ríos provocou, como en anos anteriores, unha situación delicada previa á apertura da tempada de pesca. Ante esta situación, na que se solicita a eliminación de exemplares de corvo mariño grande, a organización SEO/BirdLife (Sociedad Española de Ornitología) pon de manifesto que esta medida está "en contra da normativa europea e nacional", xa que "non é unha especie cinexética e a súa caza non está permitida".

Corvo mariño grande
Corvo mariño grande | Fonte: Sławek Staszczuk.

A Directiva de Aves 2009/147 e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade só contempla unha excepción para os controis letais: unicamente poderían ser autorizados, se non existe outra solución satisfactoria e só se se demostra que é esta especie está a causar "prexuízos graves". Pero, segundo argúe SEO/BirdLife, "esta non é a circunstancia do corvo mariño grande, como afirma a propia Comisión Europea no seu informe Great Cormorant. Applying derogations under Article 9 of the Birds Directive 2009/147/EC", que di: "A presenza dun certo número de corvos mariños pescando nas proximidades dunha masa de auga, mesmo se se soubese que consomen unha gran cantidade de peixes ao día, non pode ser considerada automaticamente como conducente a unha situación de «prexuízo grave» ás pesqueiras".

Ademais, "fronte ás afirmacións da presenza dun maior número de exemplares desta ave acuática, precisamente nesta zona sucede o contrario", apuntan os ornitólogos, que engaden: "Así o recolle o último censo nacional de corvo mariño grande realizado en 2012, e que pon de manifesto un declive dalgunhas poboacións de corvo mariño grande no Paleártico Occidental, especialmente no norte e leste de Europa e un desprazamento dalgunhas poboacións reprodutoras cara ao sur e occidente do continente (Breeding numbers of Great Cormorants Phalacrocorax carbo in the Western Palearctic, 2012-2013. IUCN-Wetlands. International Cormorant Research Group Report)".

A asociación lembra que o corvo mariño grande non é unha especie reprodutora no norte peninsular, senón unha especie invernante e, segundo datos do censo, só en Galicia aumentou a poboación invernante de corvos mariños, xa que en Asturias, Cantabria e Euskadi a poboación invernante desta especie autóctona diminuíu.

ESTADO DOS RÍOS

SEO/BirdLife incide en que "o corvo mariño grande non é culpable da diminución das poboacións de troitas e salmóns nos ríos do norte da Península. E si o estado de conservación no que se atopan moitos dos hábitats onde habitan estes peixes".

Así, e tal e como  recolle o Atlas e Libro Vermello dos Peixes Continentais do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), as principais ameazas para as troitas e os salmóns apuntan ás verteduras ou contaminantes urbanos e industriais; á extracción de áridos ou a modificación das canles naturais; tamén á presas, saltos de auga e outros obstáculos na canle dos ríos; á captación de auga para usos urbanos ou agrícolas; á sobreexplotación por pesca deportiva así como á introdución de troitas procedentes de poboacións alóctonas. Presións que coinciden tamén coas que se identifican nos recentemente aprobados plans de xestión das Zonas de Especial Conservación da Rede Natura 2000, designadas polas comunidades autónomas, sinala SEO/BirdLife.

"A mellora na xestión e calidade dos hábitats onde viven as últimas poboacións de salmóns ibéricos e outras especies de peixes autóctonos son cruciais para evitar o declive das poboacións dos nosos peixes. Débese evitar a contaminación dos ríos, eliminar os obstáculos que impiden o desenvolvemento do ciclo biolóxico dos peixes, a destrución dos frezaderos e reducir a presión sobre as súas capturas", afirma Nicolás López, responsable de especies de SEO/BirdLife, aspectos nos que tamén coinciden científicos, técnicos e algúns xestores de gobernos autonómicos e colectivos de pescadores.

"A eliminación de corvos mariños só sumaría un problema máis á situación actual, xa que ademais de constituír unha posible vulneración da lexislación, supoñería un gasto público innecesario, que non solucionaría o problema. A 'solución satisfactoria' á redución das poboacións de peixes non é matar corvos mariños senón conservar os nosos ríos no mellor estado posible", continua o biólogo de SEO/BirdLife.

Ademais, a organización lembra que os controis de poboacións desta especie realizados noutros países europeos demostraron ser ineficaces. O informe The INTERCAFE Cormorant Management Toolbox - Methods for reducing Cormorant problems at European fisheries, da Interdisciplinary Initiative to Reduce Pan-European Cormorant-Fisheries Conflicts  —unha acción desenvolvida pola European Cooperation in Science and Technology e apoiada pola Comisión Europea— sinala o caso de Francia e conclúe que "as autoridades nacionais francesas e moitos piscicultores e pescadores chegaron á conclusión de que os disparos resultan ser unha actuación en gran medida ineficaz".

CASO GALEGO

En marzo de 2014, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) presentou unha petición de información ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre supostas solicitudes de controis poboacionais de corvo mariño grande en Galicia. Posteriormente, no mes de maio, o organismo da Xunta remitiu informe de resposta coa información solicitada, do que se extraen as seguintes conclusións:

"De xeito xeral, a información científica dispoñible indica que o corvo mariño grande non presenta un problema significativo para as poboacións piscícolas en Galicia. Poderíanse dar casos puntuais de influencia significativa do consumo de corvos mariños grandes invernantes sobre as poboacións de troita en certos tramos de ríos de interior de Galicia. Estes casos deberían avaliarse de xeito individualizado. Cando en función desa avaliación se conclúa que existe xustificación para desenvolver certas medidas de xestión, poderíanse propoñer estas cunha efectividades esperable tan só a moi curto prazo e que en ningún caso resolverían o problema en orixe (o incremento das colonias de cría)".

Recentemente, membros de oito asociacións de pesca de Asturias que representan a máis de 5.000 pescadores e de doce gallgas que agrupan a uns 3.000 asociados acordaron crear un documento que inclúa una batería de propostas para poñeer freo ao que consideran unha superpoboación de corvos maroños grandes (da especie Phalacrocorax carbo sinensis) nos ríos galegos e asturianos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta