SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2017 | Actualizada ás 19:57 por EUROPA PRESS
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou a aposta da nova ITV do parque empresarial da Sionlla, en Santiago, pola innovación e o seu impulso á economía local e a mellora da competitividade, fixando tecido industrial na comarca.
O titular de Economía pronunciouse deste xeito durante a inauguración da ITV, onde apuntou que o principal obxectivo do Goberno galego en materia económica é, precisamente, "fixar tecido empresarial a través da innovación, o emprendemento, a mellora da competitividade, o financiamento e o asesoramento".
Conde sinalou que a unidade de control e inspección de vehículos ofrecerá un mellor servizo aos cidadáns ao permitirlles aforrar tempo e diñeiro nos desprazamentos, á vez que contribuirá a mellorar a seguridade e o respecto ao medio ambiente coa realización de 25.000 inspeccións ao ano.
Esta estación súmase ás xa existentes na zona, no polígono industrial de Tambre (Santiago) e Cacheiras (Teo).
Así mesmo, o conselleiro considerou que a instalación supón un avance cara á innovación tecnolóxica, xa que a ITV está construída seguindo un deseño innovador, baseado no concepto modular pioneiro en España.
O deseño levouse a cabo pola Escola de Arquitectura da Coruña, da man da empresa concesionaria.
Neste sentido, resaltou a importancia de que as universidades poidan transferir o coñecemento ao tecido empresarial galego, un feito que, segundo apuntou, apoia a Xunta a través de diferentes programas como Conecta Peme ou o Ignicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.