Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2017 | Actualizada ás 14:27
A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, destacou este sábado a "normalidade" coa que se levou a cabo a recollida de avais para as primarias do PSOE, á vez que reivindicou que "a confrontación de ideas é importante" sempre que haxa "respecto para as propostas" de todas as candidaturas.
A preguntas dos medios tras un acto na Coruña, Cancela asegurou que este é "un proceso de normalidade" dentro da "participación democrática" que propugna o PSOE e "o único que significa é que este é un partido vivo, un partido participativo".
Para Cancela, a recollida de avais demostrou de novo que a militancia socialista "está tremendamente activa e quere utilizar as canles democráticas que o propio partido ten establecidas", unha "satisfacción" para unha formación política que "apostou pola participación activa e decisiva da militancia".
Sobre os resultados na recollida de avais do tres candidatos, Cancela dixo que recibiu os datos "con toda a normalidade" e que "non foi unha sorpresa en absoluto", á vez que trasladou a "satisfacción" da xestora galega por "a normalidade coa que se está desenvolvendo o proceso" e agradeceu á militancia a "alta participación".
Do mesmo xeito, apuntou que un proceso con varios candidatos "non significa división", se non que "hai riqueza de proxectos e que hai persoas dispostas a dar un paso adiante". "A confrontación de ideas é importante, pero ao final somos compañeiros que militamos no mesmo partido e pido respecto para as propostas de cada unha das candidaturas", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.