Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2017 | Actualizada ás 14:31
A tese doutoral dun investigador da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), avanzou no coñecemento das enfermidades bacterianas que afectan o feixón común.
Esta investigación ofrece "información esencial" para incorporar melloras xenéticas de resistencia ás pragas e, deste xeito, poder "garantir un volume de produción e calidade" maior no cultivo de feixóns.
O estudo, segundo informa este luns o CSIC, recibiu a cualificación de sobresaliente 'cum laude' por parte do xurado da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi defendida polo seu autor, Luís A. Godoy Montiel, enxeñeiro agrónomo pola Universidade Técnica Estatal de Quevedo (Ecuador).
Así, a tese revela información sobre dúas das principais enfermidades bacterianas que afectan ó feixón común --'bacteriosis de halo' e 'bacteriosis común'--, a primeira delas estendida por todo o mundo e, a segunda, con especial incidencia en rexións con altos niveis de humidade e altas temperaturas.
Deste xeito, esta investigación "abre a porta" ao desenvolvemento de estudos adicionais de "clonación de xenes candidatos", segundo indicaron os directores da tese.
MISIÓN BIOLÓXICA DE GALICIA
Luís A. Godoy Montiel realizou o seu traballo a través dun contrato predoutoral financiado polo Goberno de Ecuador baixo a dirección de Marta Santalla, Ana María González e Antonio de Ron Pedreira.
Este grupo investigador encádrase na Misión Biolóxica de Galicia (MGB) do CSIC, que conta cunha traxectoria de máis de 30 anos en xenética e mellora de leguminosas e participou en "fitos" científicos como a secuenciación do xenoma do feixón común.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.