Por Ramón Torrado | Ribeira | 23/05/2017
Hai na comarca de Barbanza unha sensación de pesar, de preocupación e de rabia soterrada en relación con este triste suceso. No día 17, dedicado ás Letras Galegas, unha infrecuente catarse precisamente de rabia fixo acto de presencia en Taragoña grazas a actuación dun artista singular. Tocado cunha gorra tipo Che Guevara e cunha barba que o fai case xemelgo de Tonhito de Poi, este home presentábase no lugar chamado Campo de Pasos rodeado de estrañas guitarras e co único acompañamento do técnico de son.
O que tocou foron as fibras da alma. Isto é así porque as súas cancións están cheas de autenticidade e abrazan os corazóns libres de xente de toda condición, xusto de forma contraria á música comercial que triunfa e que se escoita en todas partes. O que este home toca leva á imaxinación a campos de algodón ou de caña de azucre, a cantantes que se funden coa xente e a terra como Son House e a cantautores aos que el aludiu como Woody Guthrie e Ewan MacColl.
Durante o concerto fíxose evidente unha forte espiritualidade. Era difícil de soportar emocionalmente, porque non se adoita pedir tanto esforzo aos espectadores nas rúas. Por desgraza, pode ser que a súa constante conversación o prexudicara. Dotado dun perigoso, brutal e efectivo sentido do humor, as súas recorrentes intervencións faladas resultan chocantes polo atrevemento e polo emprego de estratos complexos, como é o escatolóxico. Curiosamente, todo é dito dende un rexistro culto en coñecementos e confuso en canto á pronuncia: fala con seseo e gueada e parece rianxeiro de toda a vida, pero en realidade el é de Vigo e reside na cidade olívica.
O comprometido cantante fixo versións moi sui géneris de M.I.A. e de Leonard Cohen. Á maneira de Bo Diddley, usa unha guitarra rectangular de fabricación caseira. Esta guitarra foi a que mellor soaba neste concerto que foi seguido por unhas trinta persoas. A sensación era a de estar vendo un tesouro que hai que protexer, unha lenda viva que dignifica e dá valor á música galega, xa que ás veces o que se busca nas artes é unha sorte de verdade tecida con gravitas.
Este artista que iluminou e reconfortou á xente de Taragoña e do entorno leva moitas verdades consigo, e tamén carga sobre os ombreiros cun nome artístico que posiblemente o rebaixa, polo cal aquí - esperando que volva en moitas ocasións – damos para el un único nome: Leo.