O Concello de Vilamartín tivo que pagarlle a unha das empresas da Púnica case 9.000 euros

O novo rexedor socialista tivo que facer fronte á cláusula do contrato que asinara a ex rexedora popular en 2014 e no que se recollía que, de non realizarse o cambio de luminarias, habería que aboar 17.500 euros. Ese mesma “trampa” aparecía no acordo asinado tamén co Concello da Rúa.

Por Xurxo Salgado | Vilamartín | 02/06/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Concello de Vilamartín tamén realizou contratos coa consultora enerxética Asproener, unha das empresas que está sendo investigada no marco da Operación Púnica e que tamén estendeu os seus tentáculos por varios concellos galegos, principalmente, da provincia de Ourense. Foi durante o goberno da popular María Jesús Candal.

Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín
Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín | Fonte: creandotuprovincia.es

Tal e como informou en primicia Galicia Confidencial, esta empresa, que tamén asinou outro acordo co Concello da Rúa, aseguraba que realizaría un plan enerxético “gratis” para “optimizar o consumo enerxético”. Pero, logo, obrigaba ao concello a cambiar o alumeado público exterior do municipio con ela. Senón era así, o concello tiña que pagar 17.500 euros “en concepto da auditoría realizada”. Unha cantidade que nalgúns concellos é case o máximo que se pode pagar –18.000-- como contrato menor, é dicir, sen realizar un concurso público.

Ese acordo, asinado en 2014, sinalaba que, se no prazo dun ano non se iniciaba a convocatoria pública da licitación do “cambio do alumeado público exterior” do Concello, o consistorio tería que abonar o custe desa auditoría que, segundo o documento rubricado, “non poderá ser superior a 17.500 euros IVE excluído”.

Tras as eleccións da primavera de 2015, o PP perdeu o poder neste concello que pasou a mans do PSOE. O novo rexedor, Enrique Álvaez, e o seu concelleiro de Urbanismo, Pablo Deramond, atopáronse con “este petate” enriba da mesa. Acabou o ano e a empresa chamou ao concello para reclamar o pago da consultoría ou a execución do contrato. E, a diferencia do Concello da Rúa, o de Vilamartín decidiu negociar con Asproener.

“Cando chegamos ao Concello estaba xa para adxudicar e paramos todo. Esixíronnos o pago que figuraba no contrato pero nós dixemos que era moi elevado”, indica en declaracións a este medio Pablo Deramond. Entón, o concello decidiu que fora unha empresa externa a que valorara o custe desa auditoría. Finalmente, acordaron pagarlle á Asproaner a metade do que figuraba no contrato. “Eles quedaron conformes con iso”, apunta. Era o verán de 2015, xusto cando saltou a Operación Púnica. Pouco despois a empresa non daba xa sinais de vida.

Principais investigados na Operación Púnica
Principais investigados na Operación Púnica | Fonte: laburbuja.es

“Eran varias empresas”, di a anterior alcaldesa

Non obstante, María Jesús Candal, ex rexedora do concello ourensán nega ter realizado contrato algún con esa empresa. “Nin idea. A min me chegaron a presentar unha empresa de Madrid pero había aberto un concurso público e o secretario aínda non abrira os sobres”, asegura.

Candal destaca que se presentaron catro empresas “polo menos” e que cada unha xa levaba a súa auditoría “gratis” para facer. Con todo, destaca que xa sabía que noutros concellos houbera problemas e que viu “cousas raras” que non lle gustaron. Non aclara con que empresa. “Unha dixo que o montaban todo. Era como se trouxeran de China as pezas e as montaran aquí. Eu díxenlles de ver a fábrica e a eles iso non lles gustou”, lembra.

A ex rexedora lembra que o contrato para cambiar todas as luminarias era moi avultado, de centos de milleiros de euros e “non era para tomar a lixeira”. “Por iso eu consultaba absolutamente todo co secretario”, insiste.  Tamén rememora que unha das empresas se comprometía a facer o mantemento desas luminarias durante cinco anos e tamén a repoñer as luces que se afundiran”, afirma. “E iso xa semellaba máis vantaxoso”, rememora apuntando que tamén lle convencía que, desde o concello, “se puidera controlar todo; cando acender ou apagar as luminarias ou programalas”. 

“Esta señora estaba perfectamente al tanto de todo isto e agora semella que se fai a ignorante”, asegura Pablo Deramond que confirma a existencia dese contrato, da cláusula, e do pago da metade do mesmo a esa empresa. 

Polo momento, o Concello de Vilamartín aínda non cambiou as luminarias exteriores. “Non fixemos nada e agora estamos vendo como se pode facer iso porque non hai recursos. Pedimos subvención para un dos pobos e tamén un crédito do IDAE e a ver se o imos facendo aos poucos”, indica.

As empresas da Púnica

No sumario da Púnica figuraa multinacional francesa Cofely, do grupo GDF-Suez, que está acusada de ter recorrido á presunta trama corrupta para amañar contratos de aforro enerxético que suman 250 millóns de euros. As pesquisas da UCO serviron para comprobar que tamén outras empresas utilizaron as prácticas de Cofely para garantir contratos enerxéticos por importes millonarios. Unha desas firmas é Asproener SL.

Esta empresa que acabou entrando no Concello da Rúa e no de Vilamartín está vinculada con licitacións de máis dunha ducia de consistorios da Comunidade de Madrid, todos eles gobernados polo PP cando contrataron con Asproener. Tamén chegaron a acordos noutros consistorios de Castela a Mancha, Castela e León e Estremadura, ademais de Galicia. 

María Jesús Candal á saída dun pleno que a proclamou alcaldesa de Vilamartín logo dunha moción de censura
María Jesús Candal á saída dun pleno que a proclamou alcaldesa de Vilamartín logo dunha moción de censura | Fonte: Ourense Dixital
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta