Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/06/2017 | Actualizada ás 11:50
“LogShock: sistema de monitorización e control da suspensión axustable dun vehículo”, acaba de resultar gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que está dotado con 1.000 euros.
O traballo fin de mestrado de Roberto Carracedo Varela, estudante da UDC, consistiu no desenvolvemento dun sistema que permite a obtención de información obxectiva sobre o comportamento das suspensións dun vehículo en marcha. A innovación consiste en permitir a configuración das suspensións axustables do vehículo a partir de datos obxectivos e non subxectivos, que é o que se vén facendo. O sistema desenvolveuse e os prototipos construíronse utilizando recursos hardware e software libre.
A motivación do traballo realizado por Carracedo foi a constatación de que no mercado automobilístico existen numerosos sistemas de suspensión axustable para adaptar a vehículos, xa sexa co fin de permitir un comportamento máis preciso nunha contorna determinada (por exemplo en competicións deportivas) ou simplemente para mellorar sistemas que inicialmente non teñen a calidade desexada.
A dificultade que presentan eses sistemas cara ao usuario final -advirte o propio Carracedo- “é, que se non se axustan correctamente por persoal experimentado, poden presentar unha elevada complexidade, especialmente canto maior é o conxunto de parámetros que poden ser modificados”. Ao cabo, o profesional ten que basearse na percepción subxectiva do comportamento da suspensión e non en datos obxectivos e precisos medidos desde o dispositivo de amortiguación. O traballo galardoado centrouse precisamente no desenvolvemento dun sistema que permite obter información obxectiva sobre o comportamento das suspensións dun vehículo en marcha.
Un premio que actúa como estímulo
Mediante a convocatoria e concesión anual do Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado, o CPEIG busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e o gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de mil euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.