O PSdeG, na procura do futuro candidato

Pilar Cancela dá por feito que haberá varios candidatos a liderar o partido e espera que Galicia "manteña ou mellore" a súa representación nos órganos do partido tras o congreso federal.

Por E.P. | A CORUÑA | 12/06/2017 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, mostrouse convencida de que haberá varios candidatos para liderar esta formación unha vez que se concreten as datas para as primarias. "Nin me descarto nin me propoño", respondeu, ademais, ao ser preguntada se ela será un deses candidatos.

Pilar Cancela
Pilar Cancela | Fonte: Europa Press

En rolda de prensa, tras participar nos Xantares On-Off da demarcación coruñesa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Cancela manifestou, de cara ao congreso federal que celebrará o PSOE a partir do venres, que espera que Galicia "manteña ou mellore" a súa representación nos órganos do partido.

Para iso, apelou ao apoio obtido nesta comunidade autónoma por Pedro Sánchez por parte da militancia no proceso de primarias para elixir ao novo secretario xeral do PSOE.

CONGRESO GALEGO

Mentres, atribuíu á nova executiva socialista a decisión sobre as datas do proceso que deberá abrirse en Galicia para elixir ao novo secretario xeral. "As xestoras teñen que morrer o máis rápido", recalcou Cancela, quen, á espera de que se concreten estas datas, estimou que o congreso podería ser "a finais de setembro ou principios de outubro".

En canto aos posibles candidatos ou candidatas, avogou por que quen crean "que teñen un proxecto sólido e estean con ganas, dean un paso á fronte". "Sabémolo pronto en canto acordemos un calendario", insistiu ao ser preguntada sobre posibles nomes.

Sobre o seu caso, non quixo avanzar se está disposta a formalizar a súa candidatura. Para iso, apelou á necesidade de "respectar os tempos", aínda que, pregunta especificamente polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, dixo que sería "un excelente candidato se quixese dar o paso".

Con todo, non quixo aventurar se haberá un candidato de consenso ou se darán o paso novas caras dentro do partido. "Pode pasar de todo", engadiu Cancela para quen é "normal" que ninguén se estea pronunciando ata que se fixe o calendario de primarias en Galicia.

"SILENCIO" DESDE VIGO

Noutra orde de cousas, e preguntada polas divisións internas no PSOE de Ferrol, manifestou que "a división dentro da propia casa debilítanos". Por iso, considerou "prioritario" que a nova dirección do PSdeG, unha vez elixida, "tome as decisións correspondentes".

Por outra banda, cuestionada pola ausencia de declaracións de dirixentes como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras as súas anteriores críticas ao novo secretario xeral ou a xestión da xestora do PSdeG, dixo que "ás veces o silencio é o mellor que pode pasar". Así, considerou que a mensaxe socialista chegase máis claro á cidadanía "cun pouco máis de silencio".

En canto ás relacións do grupo municipal socialista na Coruña con Marea Atlántica, manifestou que é "pronto para falar de cambios" nas mesmas tras a elección de Sánchez. Con todo, lembrou que con el "gañou o posicionamento da necesidade de entendemento entre as forzas de esquerda se queremos ser unha alternativa real ao PP".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta