Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/06/2017 | Actualizada ás 20:40
A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, confirmou este sábado a última hora da tarde que formará parte da nova Executiva que está a deseñar Pedro Sánchez, con quen se viu esta tarde no Palacio Municipal de Congresos, onde se celebra o Congreso socialista.
En canto ao Comité Federal, explicou que son as delegacións provinciais as que negocian a súa representación e que no caso galego vai haber renovación dos seus cinco representantes. "Hai un tempo novo", xustificou. "Non significa que sobre ninguén, senón que é un tempo determinado e corresponde dar un papel a determinadas persoas", engadiu.
En declaracións durante a celebración do conclave, a socialista galega, quen apoiou a candidatura do actual secretario xeral durante as primarias do Partido Socialista, asegurou que se sinte cómoda co concepto de plurinacionalidade que defende Pedro Sánchez e que vai aprobarse no 39 Congreso do PSOE, porque ao seu xuízo é "a realidade deste país".
A continuación, Cancela defendeu o respecto á Constitución de 1978 da que son coautores os socialistas, pero tamén apostou por recoñecer na Carta Magna que hai territorios con feitos diferenciados, como a lingua e a tradición.
"A política está para resolver esas cuestións, non nos escondamos detrás do silencio e das trincheiras e fagamos política", dixo a dirixente galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.