Galicia aumenta a súa presencia nos órganos de dirección do PSOE

Pilar Cancela, estará na Executiva do PSOE e Lara Méndez, Valentín González e Gonzalo Caballero, no Comité Federal, do que saen o exministro José Blanco; a exportavoz do PSOE coruñés Mar Barcón ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 18/06/2017 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

A delegación galega sae reforzada no novo PSOE de Pedro Sánchez. Así, no Comité Federal haberá un total de 13 persoas, dúas persoas máis que no anterior período, cando eran 11. En concreto, son catro as persoas que tiñan que ser relevadas deste órgano neste congreso: o exministro José Blanco (Lugo); a exportavoz do PSOE coruñés Mar Barcón (A Coruña); a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (Pontevedra); e a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela (A Coruña).

Pedro Sánchez con Pilar Cancela nun mitin do PSdeG
Pedro Sánchez con Pilar Cancela nun mitin do PSdeG | Fonte: psdeg.org

Precisamente, Pilar Cancela entará na Executiva e coordinará a área de Políticas Migratorias e PSOE do Exterior dentro da Executiva Federal deseñada polo secretario xeral dos socialistas, Pedro Sánchez. Nesta área, será secretario de Política de Refuxiados o senegalés Luc André Difou, que provén do Grupo Federal Afrosocialista de Canarias e que chegou a España en 1992 como inmigrante sen papeis, pasando mes e medio durmindo na rúa.

José Blanco, Mar Barcón e Carmela Silva apoiaron a Susana Díaz nas primarias para liderar o partido, mentres que Pilar Cancela apostou polo actual secretario xeral. De feito, a presidenta da xestora do PSdeG deixará de ser membro do Comité Federal debido a que pasa a selo da Executiva, onde tamén formará parte da Permanente, un grupo máis reducido composto por 18 persoas da máxima confianza de Pedro Sánchez.

Cubrirán as súas vacantes no Comité Federal, composto por un total de 132 persoas, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; Diego Taibo, da máxima confianza do presidente do PSOE provincial, Julio Sancristán, e coordinador da plataforma de apoio a Pedro Sánchez na Coruña; e o vigués Gonzalo Caballero, firme defensor de Pedro Sánchez.

A estes, o PSdeG conseguiu sumar, por iso pásase de 11 membros a 13, á pontevedresa Maica Larriba e á ourensá Bibiana Iglesias, membro da xestora do PSdeG. Os outros sete membros do Comité Federal serán renovados no Congreso galego, que se prevé celebrar no mes de outubro, tras as primarias do PSdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta