Acabará Faro compartindo grupo con Interviú?

Prensa Ibérica, a editora de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña está a negociar a compra do Grupo Zeta. Así o indicaron varios medios de ámbito estatal nos últimos días citando fontes do sector bancario.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 19/06/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Os bancos xogarían un papel imprescindible na operación.  O Grupo Zeta (que edita entre outros Interviú, Woman, El Periódico de Catalunya, El Periódico de Aragón, El Periódico de Extremadura, Mediterráneo, Córdoba e La Crónica de Badajoz) arrastra unha enorme débeda polo que sería necesaria a colaboración dos acredores para vendelo. Segundo El Confidencial, Prensa Ibérica reclama de partida que a banca lle perdoe entre o 80 e o 90% dos 100 millóns de débedas de Zeta. 

Javier Moll, propietario do grupo que controla Faro e La Opinión
Javier Moll, propietario do grupo que controla Faro e La Opinión

 

Unha rebaixa enorme, pero que a banca pode chegar a tomar en consideración se Javier Moll lles presenta un proxecto viábel. Dentro da durísima reconversión que está a sufrir a prensa en papel, o Grupo Moll é dos que está a capear a treboada con máis solvencia.

 

Polo de agora, a operación queda no ámbito dos ruxe-ruxes, pois ningún dos directamente implicados confirmou as negociacións, aínda que tampouco foron desmentidas. Cómpre ter en conta ademais que entre os datos filtrados aos dixitais figura que Mediapro tamén estarían interesado en Zeta, reclamando á banca unha ‘quita’ menos ambiciosa que a de Prensa Ibérica. Polo tanto, é evidente que hai intereses en filtrar o nome dos que supostamente están a competir con facerse coa matriz de Interviú. Ademais, cómpre ter en conta que xa en 2014 se filtrou o suposto interese de Prensa Ibérica por Zeta e ao final o asunto quedou en nada. 

 

En Galicia, a operación tería un impacto limitado, dado que Zeta non posúe ningunha cabeceira no país. A nivel estatal, Zeta é un dos contados grupos que tende máis as esquerda que a dereita, sen enfrontarse nunca a quen obstente ao poder. Estratexia similar a de Prensa Ibérica en Galicia, que combina liñas editoriais favorábeis aos alcaldes de Vigo e A Coruña coa amabilidade cara Alberto Nuñez Feijóo. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta