Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2017 | Actualizada ás 20:05
Os tres independentistas galegos, vinculados a Ceivar, que foron detidos este mércores en varias localidades de Galicia no marco dun operativo da Audiencia Nacional contra o enaltecemento do terrorismo, quedaron en liberdade.
Segundo fontes da investigación, as autoridades tomaron declaración ao tres arrestados en dependencias policiais, tras o que quedaron en liberdade. A organización independentista Causa Galiza explicou que se trata de Ugio C., Fonso L. e Iria C..
Precisamente, Ceivar explicou que foi pouco despois das 17.00 horas cando os detidos saíron do cuartel da Garda Civil de Santiago tras o rexistro das súas vivendas. Todo iso, apunta, "sen pasar polos xulgados".
Ceivar tamén asegura que os arrestados se negaron a facer declaracións ao coñecer que o delito que se lles imputa é "enaltecemento do terrorismo".
En concreto, ademais das detencións, os axentes procederon a practicar rexistros na vivenda de Ugio C. en Vilaboa, así como na de Fonso L. en Ourense. A eles súmase a detención de Iria C., militante de Ceivar.
No marco deste operativo levado a cabo pola Garda Civil, foi arrestado en Vilaboa Ugio C., o mozo independentista galego que o 23 de xullo do 2005 colocou un artefacto explosivo na oficina de Caixa Galicia na praza de Galicia de Santiago.
'OPERACIÓN JARO II'
O Ministerio do Interior explicou que as detencións se practicaron no marco da 'Operación Jaro II' ao considerar que estas persoas "dirixían unha armazón de enaltecemento e xustificación da actividade da organización terrorista Resistencia Galega".
O tres detidos, segundo Interior, "ocupaban postos de dirección dentro da organización Ceivar", desde onde, segundo a versión do Goberno, "organizaban os actos de propaganda e exaltación da organización terrorista Resistencia Galega e dos seus membros".
OUTUBRO DE 2015
As investigacións iniciáronse por mor das detencións efectuadas pola Garda Civil en outubro de 2015 no marco da 'Operación Jaro', que se saldou con nove persoas detidas por presunta integración en organización terrorista e enaltecemento do terrorismo.
Agora, a 'Operación Jaro II' é, segundo concreta Interior, a continuación da primeira. De feito, sinala que a análise da documentación intervida "puxo de manifesto a existencia dunha armazón organizativa de apoio a Resistencia Galega" cuxa "misión principal era o enaltecemento e a xustificación da actividade da organización terrorista".
A operación, coordinada pola Fiscalía da Audiencia Nacional, foi realizada baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución Número 6 da Audiencia Nacional. As investigacións continúan abertas e non se descartan novas actuacións, segundo sinala Interior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.