Por Galicia Confidencial | Rianxo | 25/07/2017 | Actualizada ás 16:39
O PSdeG está convencido de que o mellor que lle pode pasar a Galicia é cambiar de inquilino e cre que o chamado a facelo é este partido combater "a resignación" e unha realidade "desoladora" que identifica en factores como "desigualdade, pobreza, exilio dos mozos e precariedade" no mercado laboral.
Un ano máis, os socialistas galegos celebraron o 25 de xullo, Día de Galicia, na localidade costeira de Rianxo (A Coruña), aos pés do busto de Castelao. Este ano, a presidenta da xestora galega, Pilar Cancela, estivo acompañada pola vicesecretaria xeral do PSOE, a asturiana Adriana Lastra.
Cancela e Lastra, xunto á secretaria xeral de Rianxo, Mari Carmen Figueira, realizaron a tradicional homenaxe coa ofrenda floral á figura do autor de 'Sempre en Galiza', de quen Lastra reivindicou que "construíu parte do discurso do socialismo español". Tamén Cancela lembrou a idea de Galicia que el encarnou, "digna e cun autogoberno forte", dentro dunha España "federal, profundamente solidaria".
Os tres candidatos
Ante a presenza dos tres persoas que por agora mostraron a súa disposición a candidatarse para as primarias do PSdeG, e ante outros deputados e cargos orgánicos, a presidenta da xestora lembrou os debuxos de Castelao para ilustrar a defensa dunha sociedade "xusta e igualitaria".
Servíronlle para reclamar un país no que non haxa "pobreza infantil" e onde os mozos poidan atopar un proxecto de futuro. "Galicia é moito máis que unha paisaxe (...) é unha forma de estar no mundo", proclamou.
Alternativa ao PP
No seu discurso, cargou contra a dereita "que inventa amnistías fiscais ilegais e anticonstitucionais", e apostou por atacar os "graves problemas" do actual sistema tributario.
Tamén avogou polo diálogo social e a reindustrialización, cunha industria que ao seu xuízo está a ser "vendida aos poucos" polo presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo. Como "alternativa" ao PP, apuntou á "honestidade, exemplaridade, transparencia" e loita contra a corrupción do PSdeG, que ve no idioma galego o "primeiro e máis importante elemento vertebrador" da identidade de Galicia.
Despois dela, Adriana Lastra animou tamén a "non resignarse" e "pelexarse" contra a actual situación. Tamén censurou que o PP "está a pór en risco as pensións" dos maiores, posto que, na súa opinión, "mercantiliza todo", tamén "a saúde e os últimos anos" dos cidadáns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.