Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2017 | Actualizada ás 17:18
Miles de persoas arrouparon este 25 de xullo ao BNG na súa tradicional manifestación polo 'Día da Patria', unha cita na que a portavoz nacionalista, Ana Pontón, anunciou que proporán un relatorio no Parlamento para camiñar "cara a un novo estatus" no que Galicia "emerxa como nación" e "evitar quedar como unha rexión anulada politicamente e dependente do centralismo".
"Estamos nun momento no que, si ou si, algo se vai mover e Galicia non pode quedar atrás. Temos que apostar por abrir un debate no noso país que nos permita superar esta autoanémica autonomía. Temos que dar un paso adiante", proclamou Ana Pontón na que foi a súa segunda intervención como portavoz nacionalista nesta manifestación, despois de someterse ao escrutinio das urnas o pasado mes de setembro e lograr manter o grupo parlamentario do BNG.
Ana Pontón debullou os obxectivos nese "novo horizonte" para Galicia: o recoñecemento como "nación libre para decidir o seu futuro", contar cunha facenda galega que acabe co "espolio" dos impostos galegos; blindar unha carta de dereitos sociais avanzados; pór en marcha unha modernización económica; e garantir o pleno desenvolvemento da cultura e a lingua galegas.
Precisamente, a líder nacionalista, apoiada polo aplauso dos asistentes, enviou toda a "solidariedade" ao pobo catalán, "que só reclama democracia". "Que decepción ver ás persoas que nos dixeron que viñan cambialo todo, ao final, colléndose do ganchete do vello bipartidismo e pondo paus nas rodas ao dereito a decidir", clamou.
Previamente, o presentador do acto político na Quintana no cal desemboca a manifestación nacionalista xa trasladara publicamente "toda a solidariedade co proceso independentista aberto en Cataluña", momento no cal os asistentes prorrumpiron nun aplauso entre consignas de "independencia". "Quen queira, quen non, Galicia é unha nación" ou "España é a nosa ruína" foron outras de consignas máis coreadas.
O ataque da dirixente nacionalista ás forzas da esquerda española que "tampouco quedan atrás cando se trata de ignorar a Galicia" non quedou aí. "Sen esquecer que é mérito delas que Rajoy sente na Moncloa. Eu pregúntome por que o novo PSOE e o xa menos novo Podemos non derrogan a lei mordaza de Rajoy, a contrarreforma laboral do PP, non levantan a indecente prórroga de Ence?", criticou antes de advertir: "a solución non vai vir de Madrid".
UNHA EN MAREA PRESENTE SEN ESTAR
Sen citala expresamente, En Marea, que aglutina a un sector de escindidos do BNG, sobrevoou o acto en varias ocasións, como cando a portavoz nacionalista se reafirmou na decisión de concorrer en solitario ás autonómicas do pasado mes de setembro e non sucumbir "aos cantos de serea" que querían "levar a outros mares" ao Bloque.
Xa antes, o cómico encargado de animar aos presentes no acto reivindicativo, que se desenvolveu baixo a lema "Pola soberanía dos pobos", bromeara con que a convocatoria de En Marea celebrábase en Vista Alegre porque "algunha alegría lles facía falta".
Ana Pontón reivindicou "as forzas renovadas do nacionalismo" e apelou á "unidade" de "todas as persoas que levan Galicia no corazón a que se somen ao BNG". "Porque o cambio ou é galego, feito desde nós e para nós, ou é un mero recambio. Xa o estamos vendo nos concellos", afirmou.
Ademais, a portavoz nacionalista alertou contra as forzas políticas que "acaban pasando de Galicia" e só a ven "como un caladoiro de votos" e criticou que "Galicia está desaparecida" e é "un expediente X na política estatal".
PROCURA DE ENSANCHAR A BASE SOCIAL
Na súa procura de agrandar a base social do BNG, Ana Pontón pregoou que "o máis trasgresor deste momento é ser nacionalista", e "tamén é o máis útil para facer avanzar e progresar" á xente.
"As portas do BNG están abertas para todas as persoas que comparten connosco que Galicia pode, que temos capacidade, e que canto máis autogoberno teñamos, mellor vainos ir como país", afirmara antes da saída da manifestación Pontón, cando foi preguntada se esas portas abertas ás que se refería eran un chamamento aos desencantados con En Marea.
Nun ambiente moi festivo, Pontón sacou peito por onde está agora mesmo o BNG: "Seica non acertamos cando apostamos por manter unha forza política propia, sen dependencias de Madrid? Vaia se acertamos", proclamou para concluír que "se algo é cada día máis evidente é que se algún país necesita do nacionalismo, ese país é Galicia".
A dirixente nacionalista, arroupada pola nova dirección do BNG, tamén acusou a Alberto Núñez Feijóo de dicir "si, bwana" ante o Goberno de Mariano Rajoy en temas como a transferencia da AP-9, a reprogramación da data de chegada do AVE ou "o recortazo" nos investimentos na comunidade.
Ademais, repudiou a "mentira global" na que se vive na actualidade e, como contraposición, enviou a solidariedade "co pobo venezolano que planta cara ao imperialismo e abre o seu propio camiño", ademais de con Kurdistán, Palestina ou co Sahara.
Colectivos de reivindicación como traballadores de Ferroatlántica, do sector do metal ou de extinción de incendios ou mariñeiros de Long Hope foron algúns dos representados na manifestación, á que tamén asistiu o alcalde de Lalín (Pontevedra), Rafa Cuiña, de Compromiso por Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.