Por Galicia Confidencial | Madrid | 26/07/2017 | Actualizada ás 14:00
Cando se lle mostrou a carta do “Bigotes”, Álvaro Pérez, na que lle pide a súa intermediación para cobrar a débeda que o PP galego mantiña coa trama, Rajoy dixo que “ni sabía de la existencia de esa deuda ni se como resolvió ni tenía porque saberlo”. O mandatario asegura que estaba en Madrid e non se ocupaba deses temas.
Rajoy dixo que o Bigotes tutéao na misiva como o tutean numerosas persoas que non coñecen e lle escriben a diario. Admitiu coñecer ao presunto criminal pola organización de mitins e viaxes.
Unha e outra vez, o argumento foi o mesmo cada vez que as acusacións lle preguntaron por algún detalle concreto. El, como presidente, non tiña por que entrar nesas minucias.
Rajoy foi máis concreto cando relatou que, informado de que a trama andaba a “usar el nombre del partido” en municipios de Madrid, indicou que se deixase de contratar con eles. Por que se seguiu a traballar con Correa e Crespo en lugares como Valencia ou Galicia? Rajoy nada sabe, di.
De “absolutamente falso” cualificou a testemuña de Bárcenas indicando que Villar Mir, o empresario de Ferroatlántica, pagara 300.000 ao partido a través de Romay Beccaría, o ex-tesoureiro do PP que onte recibiu a Medalla Castelao. Tamén negou ter recibido diñeiro en B de Bárcenas, ou que no PP manexara diñeiro negro.
Sobre o número dous da Gürtel, Pablo Crespo, tivo que admitir que “coñecía ao señor Crespo porque era membro do PP de Galicia”. Agora ben, alegou que pouco sabía del porque, aínda que era deputado por Pontevedra, unicamente “los fines de semana iba allí a cumplir mi obligación como diputado”. Engadiu que unha vez que Crespo se mudou a Madrid para traballar canda Correa nada soubo del, nin que traballaba para a organización dos seus mitins.
Polo demais, esta testemuña non aportou nada relevante. Dixo que se enterou dos cartos de Bárcenas en xuíza pola prensa. Sobre os famosos SMS en apoio do tesoureiro, non deu máis explicacións. Enrocado grazas ao manto protector do xuíz soltou varios dos seus aforismos. “Hacemos lo que podemos significa hacemos los que podemos”, por exemplo.
A avogacía do Estado pasou de realizar nin unha soa pregunta ao presidente do Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.